Mércores. 11.12.2019
El tiempo

Os 3 días da ponte celébranse x Corme

Os 3 días da ponte celébranse x Corme

Corme vaise converter nun destino obrigado durante a ponte da Constitución para todas as persoas que queiran gozar dunha fin de semana diferente en familia. A Concellaría de Turismo vén de presentar un novidoso programa de actividades no que teñen cabida tanto pequenos coma maiores, e que ten como obxectivo de que todos poidamos gozar de “3 días x Corme”, compaxinando o desfrute da paisaxe e da restauración local cunha proposta de ocio activo que non deixará a ninguén indiferente.

O programa arrinca o venres 6 cunha andaina ata o Petón da Sombra guiada polo escritor cormelán Suso Lista. A saída será ás 15.30 horas da Fonte do Campo, e farán unha parada na Aldea do Roncudo para degustar unha merenda tentempé e repoñer folgos para o resto do programa. Porque ás 19.00 horas terán no Museo de Arte Contemporánea da Costa da Morte (MACMO) nin máis nin menos que ao youtuber Adrián Pérez, do canal “Artistadas en casa”, co que se aprenderá a ser artistas do “slime” nun obradoiro de grande utilidade de cara ao Nadal.

O sábado 7 comezará a tarde cun taller de chapas de Nadal que tamén se celebrará no MACMO, e ás 18.30 haberá xuntanza na Fonte do Campo de novo para iniciar, con todas as persoas que queiran sumarse, unha andaina nocturna ata As Forcadas. Serán 3 quilómetros de camiñata, amenizada cos coñecementos e as historias de Suso Lista. Por certo que se queres asistir non debes esquecer levar unha lanterna e un chaleco reflectante. 

Os “3 días x Corme” rematarán o domingo 8 cun concurso moi especial. A partir das 12.30 horas esperan na Praza da Ribeira para saír “Na busca do tesouro encantado”, un xogo para todos e todas no que contarán historias do mar e dos piratas de Corme e no que, por suposto, ao remate haberá un auténtico tesouro.

3 dias x corme

Comentarios