Unha maquillaxe ao patrimonio da Pontedona

A fermosa ponte da Pontedona, que cruza o río Anllóns para separar os concellos de Coristanco e Ponteceso, vén de recibir unha boa nova. A Consellería de Cultura e Turismo, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, vén de concluír por un importe superior aos 700.000 euros as obras de posta en valor de seis pontes de Galicia, entre elas, a costeira. O resto son as de Ponte de Traba (Noia), Ponte Marzá (Curtis), Ponte de Pontaleiras (As Neves), Ponte Taboada (Lalín) e Ponte Vea (Teo).
O obxectivo deste ‘Plan de restauración de pontes históricas 2010’ é o de reparar os danos orixinados pola acción de diversos axentes, como a auga, a vexetación, ou o propio paso do tempo.
Actuación na Pontedona
Para a posta en valor da Ponte de Pontedona, en Coristanco, investíronse case 60.000 euros. En primeiro lugar, retirouse a maleza e a vexetación das pías, así como realizouse o corte e a retirada do arborado de ribeira en contacto coa ponte. A continuación recuperáronse as pezas de cantaría orixinais e construíuse unha ataguía que permitiu traballar en seco na reparación das pías, reparación que se realizou utilizando unha fábrica análoga para mellorar os recheos. Asemade, reconstruíronse as cimentacións repoñendo as pezas que faltaban e inxectando morteiro no seu interior. A Dirección Xeral ten previsto outra actuación na Ponte de Pontedona para cando as condicións climatolóxicas o permitan, deste xeito, cando estea seco o perímetro da pía no seu apoio construirase un reforzo exterior ao pé dos alicerces.
Fonte
- Xunta de Galicia.