sábado. 25.04.2026
El tiempo

A alcaldesa María Lago, ratificada pola Asemblea do BNG de Muros para repetir como candidata ás eleccións municipais de 2027

Maria Lago alcaldesa do BNG de Muros
A alcaldesa María Lago, ratificada pola Asemblea do BNG de Muros para repetir como candidata ás eleccións municipais de 2027
Non había moitas dúbidas, pero o partido quixo seguir os cauces asamblearios habituais. E militancia do BNG local ratificou na Asemblea, por unanimidade,m este venres a actual alcaldesa María Lago como candidata do BNG de Muros ás eleccións municipais de 2027

A actual alcaldesa repetirá como cabeza de cartel nun momento no que a formación nacionalista reivindica a consolidación dun ciclo político que naceu desde abaixo e que hoxe se expresa no goberno municipal.

Lago repite como candidata nun contexto que ela mesma definiu recentemente como o “mellor momento do BNG de Muros”. A comezos de mes xa manifestara a súa vontade de continuar á fronte do goberno local, coa intención de darlle estabilidade a unha etapa que, segundo sinalou, “non fixo máis que comezar” e da que “a veciñanza xa está a ver os primeiros froitos”.

Tras a súa elección, María Lago agradeceu a confianza da militancia e afirmou que asume a candidatura “co corazón cheo, con responsabilidade e moita humildade”.

“Para min é unha honra volver contar co apoio das compañeiras e compañeiros. Nada do que estamos facendo sería posible sen unha organización detrás, sen xente que sostén, que acompaña, que debate e que tamén empurra nos momentos difíciles”, sinalou.

A candidata nacionalista puxo o foco na dimensión colectiva do traballo realizado. Asegurou que o obxectivo segue sendo “mellorar a vida da xente desde o concreto, desde aquilo que se nota no día a día”. Porque gobernar Muros, explicou, “é estar pendente das parroquias, dos servizos públicos, das persoas maiores, da xente nova, das familias, do mar, do comercio local e de todo aquilo que mantén vivo un concello”.

“Cando falamos de transformar Muros non falamos de grandes palabras baleiras. Falamos de que as parroquias recuperen atención, de que un servizo público funcione mellor, de que as familias sintan que o Concello está ao seu carón, de que os sectores produtivos teñan unha administración que os escoita e os defende. Falamos, en definitiva, de que a veciñanza vexa que as cousas poden mellorar cando hai traballo, planificación e compromiso coa veciñanza”, afirmou Lago.

A alcaldesa defendeu tamén a necesidade de dar continuidade ao labor iniciado desde o goberno municipal. “Hai proxectos que precisan tempo, constancia e unha dirección clara. Nós chegamos ao Concello cunha idea moi sinxela: Muros merece máis. Máis coidados, máis servizos, máis planificación, máis atención ás parroquias e máis confianza nas súas propias posibilidades. Iso foi o que nos propuxemos desde a miña primeira elección para encabezar este proxecto, e esa segue sendo hoxe a nosa folla de ruta no goberno”, engadiu.

Ao responsable local do BNG de Muros, David Miranda, correspondeulle facer o balance político e o peche dunha asemblea relevante para o futuro da organización local. Na súa intervención, puxo en valor o momento que vive o BNG de Muros e o traballo desenvolvido desde a Alcaldía.

Miranda lembrou que hai catro anos, cando a Asemblea Local escolleu a María Lago para encabezar a candidatura, “o BNG facía unha lectura moi clara do momento político: Muros precisaba un goberno nacionalista, con capacidade para devolverlle pulso ao concello e situar no centro as necesidades reais da veciñanza”.

“Por aquela altura eramos a forza política con menos apoio electoral, pero tamén sabiamos que había unha oportunidade para construír algo diferente desde abaixo, con seriedade, con traballo e con presenza constante. María foi quen de liderar a oposición nun momento difícil, de poñerlle voz a moitas demandas da veciñanza e de demostrar que o BNG tiña unha alternativa sólida para Muros”, sinalou Miranda.

“Hoxe somos a forza que goberna Muros, pero non esquecemos de onde vimos nin para que chegamos aquí. Hai catro anos aspirabamos a mellorar a vida da xente, e iso é precisamente o que está a facer María Lago desde a Alcaldía”, afirmou.

Miranda destacou que a organización chega a este novo ciclo “máis madura, máis consciente da responsabilidade que ten e máis convencida do camiño iniciado”. Segundo indicou, “xa se están vendo os froitos dunha xestión transformadora” e María Lago representa “a continuidade dunha forma de facer política que soubo medrar desde a confianza, o traballo diario e o compromiso coas e cos muradáns”.

“María demostrou que se pode gobernar desde a proximidade, escoitando, dando a cara e poñendo o Concello ao servizo da veciñanza. Hai catro anos aspirabamos a mellorar a vida da xente, e iso é precisamente o que está a facer desde a Alcaldía. Non podiamos contar cunha candidata mellor para seguir avanzando neste camiño”, concluíu.

Máis novas das Eleccións

Comentarios