venres. 03.07.2026
El tiempo

A Aldea do Couto acollerá os días 22 e 23 de agosto a 44ª edición do Festiletras

Festiletras-Os Quinquillans
Unha sesión no Festiletras na praza da aldea
A Aldea do Couto acollerá os días 22 e 23 de agosto a 44ª edición do Festiletras

A Aldea das Letras volve facer honra ao seu alcume cunha nova edición do Festiletras, que este ano celebra a súa 44ª edición cun programa repleto de cultura, música, literatura e convivencia. Serán a fin de semana do 22 e 23 de agosto, cando o Couto volva converterse nun gran espazo de encontro arredor da lingua e da cultura galega.
A familia do Festiletras celébrao ademais nesta fin de semana na que serán a pregoeira do Asalto ao Castelo, outra das festas senlleiras da nosa comarca. 

Como é tradición, o Festiletras ofrecerá unha programación diversa para todos os públicos, na que non faltarán os actos literarios, os faladoiros, a artesanía, o teatro, os xogos populares, as homenaxes e unha ampla oferta musical.

Festiletras 2026

Programación para toda a familia

As familias e a cativada terán un protagonismo especial cunha programación pensada para gozar en comunidade. Haberá xogos tradicionais de madeira e obradoiros creativos da man de Miudiño, o concerto ecolóxico de Pakolas e o espectáculo "A fraga de meu avó", de Mamá Cabra, que achegará aos máis pequenos os valores da natureza e do respecto polo medio.

A animación de rúa correrá a cargo do zanqueiro Koko Pataslargas e do Folión do Zampón. Ademais, celebrarase o concerto "Lembra Xabarín", que incluirá unha homenaxe ao creador da emblemática mascota do Xabarín Club, Miguelanxo Prado.

Literatura e identidade

A Eira das Letras acollerá a undécima edición das Aldeas Singulares, dedicada nesta ocasión ás aldeas literarias, coincidindo co 30º aniversario do Batallón Literario da Costa da Morte e co 140º aniversario da publicación de Queixumes dos Pinos, de Eduardo Pondal.
Ao longo das dúas xornadas tamén haberá encontros con autoras, autores e ilustradores galegos.

Música nas eiras

Os tradicionais Pasacabanotes volverán encher de música as eiras e cabanotes da aldea coa participación de Os Farrapos, Pan Sen Fron e Mekánica Rolling Band.

A Feira da Artesanía, que tamén alcanza a súa 44ª edición, reunirá artesáns e artesás con espazos de exposición e venda, ademais de demostracións e obradoiros en directo. Xunto a ela, a Feira do Libro continuará sendo un dos grandes sinais de identidade do Festiletras.

A música terá un papel protagonista durante toda a fin de semana. Polas Eiras pasarán Monoulious DOP, Portosanto, Brais Morán & Nasaufunk e Do Rivés. O programa completarase cun karaoke con Esteban e unha contada a cargo de Federico Pérez.

Nas sesións vermú actuarán a orquestra Neverloura e Mondra, mentres que os concertos nocturnos reunirán sobre o escenario a Grande Amore, Muchachito Bombo Infierno, Neomak e Xabier Díaz xunto ás Adufeiras do Salitre.

Un festival pensado para todas as persoas

O Festiletras volverá ofrecer unha ampla carteira de servizos para facilitar a estancia das persoas asistentes: zona de acampada gratuíta con baños e duchas, espazos limpos con recollida selectiva de residuos, servizo de barra e unha área gastronómica con produtos do país.
Haberá tamén persoal permanente de seguridade e apoio sanitario. Ademais, o festival contará con interpretación en lingua de signos e co Punto Violeta.

O Festival agradece a colaboración da Deputación, a Xunta, e Concello, así como a Deleite, Estrella Galicia e outros patrocinadores privados.

Comentarios