O BNG de Ponteceso pide que se manteña a bonifación para os vehículos de máis de 25 anos
No pleno do 28 de setembro o goberno popular do PP e Partido Galego, co apoio de Adiante por Ponteceso, sacou adiante a modificación da ordenanza IVTM, de xeito que a bonificación para vehículos históricos pasa de 25 a 40 anos dende a súa primeira matriculación. Unha medida que están tomando moitos concellos, tomada por criterios medioambientais dado que este vehículos son altamente contaminantes, e segundo considera o grupo de goberno, de “escaso valor histórico”.
Non pensa así o BNG, que considera que “debe atenderse tamén a criterios sociais e á alta necesidade de dispoñer de vehículos particulares que temos no rural, e ao impacto que ten nas economías familiares non poder acollerse a esta bonificación dun vehículo que as veces úsase como 2o vehículo de apoio ou emerxencias, ou que cando é único na familia as circunstancias actuais non permiten a súa sustitución, toda vez que xa abonaron a taxa durante 25 anos”.
Lembra ademais que “oficialmente, os Vehículos Históricos son os de máis de 30 anos desde a primeira matriculación”.
Así, o BNG rexistrou alegacións para evitar a perda desta bonificación e, por iniciativa da súa Asemblea Local, comezou unha campaña informativa e de recollida de sinaturas entre a veciñanza para dar a coñecer esta acción do goberno entre a cidadanía e animar ás persoas interesadas a presentar alegacións durante o período de exposición pública.