venres. 08.11.2024
El tiempo

Carlos Callón, Manuel Gago e Óscar de Souto no outono cultural da Libraría A Tenda do Libros

Carlos Callón, Manuel Gago e Óscar de Souto no outono cultural da Libraría A Tenda do Libros

Fantástico o programa cultural que propón a libraría A tenda dos libros (Avenida de Anllóns, 2 baixo, A Trabe-Ponteceso) para este mes de outubro. Os vindeiros venres 7, 14 e 21 de outubro, a partir das 20:30h teremos a persoeiros de relevancia no eido cultural galego, como Carlos Callón, Manuel Gago (co que recentemente falamos sobre a maxia do noso litoral), ou o poeta Óscar de Souto.

Carlos Callón sobre "Como defenderes os teus dereitos lingüísticos

O venres 7 presentarase o libro Como defenderes os teus dereitos lingüísticos de Carlos Callón, publicado por Xerais. Neste libro o autor ofrécenos unha guía de conduta para vivirmos en galego, chama a un consumo responsábel co noso idioma e fai un repaso moi claro por sectores dos dereitos lingüísticos que temos recoñecidos.

Carlos Callón (Ribeira 1978) é presidente da Mesa pola Normalización Lingüística e da Fundación Via Galego, e portavoz nacional da plataforma unitaria Queremos Galego. Ademais de colaborar con asiduidade en varios medios de comunicación, mantén o blogue www.carloscallon.com.

Manuel Gago e a súa República de Homes Libres

O venres 14 o turno será para unha conferencia de Manuel Gago titulada República de Homes Libres. É a primeira vez que se achega como conferenciante a Costa da Morte, na serie República de Homes Libres analiza a historia galega na éopoca altomedieval dunha maneira amena e divulgativa. Nesta ocasión falarase sobre os ataques vikingos e normandos na costa galega, analizaranse algúns relatos das sagas máis que interesantes e repasarán algúns fascinantes sitios arqueolóxicos altomedievais da Costa da Morte.

Manuel Gago (Palmeira, Ribeira, 1976) é doutor en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Na actualidade, é director de culturagalega.org, o portal de Divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo.
Gago é autor de varios libros sobre xornalismo electrónico e arquitectura da información en Internet. O seu blog persoal sobre enogastronomía, viaxes, cultura e novas tecnoloxías é Capítulo 0 (www.manuelgago.org/blog/). En marzo de 2009, un xurado convocado polo semanario Santiago 7 escolleu a Capítulo 0 e a Manuel Gago como mellor blog e blogger de Santiago de Compostela e comarca. No 2011 fundou patrimoniogalego.net, a rede social do patrimonio cultural de Galicia.

Os Latexos de Óscar de Souto

O venres 21 desenvolverase un recital poético do autor cabanés Óscar de Souto. Ademais presentarase a obra antolóxica Se lo dije a la noche na que participa Souto. Óscar de Souto (Cabana de Bergantiños, 1980), ten publicadas as seguintes obras - Mi pretexto (accésit de poesía II Concurso Rita Suárez Amado), En Ausencia (obra gañadora do accésit de poesía III Concurso Rita Suárez Amado) e Bitácora poética (último poemario).

Máis información

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa da Tenda dos Libros.

Comentarios