O IES Eduardo Pondal oferta un curso para ser Monitor de Tempo libre

O IES Eduardo Pondal de Ponteceso, vai impartir o curso "Dinamización de actividades de tempo libre educativo infantil e xuvenil", dentro das Accións Formativas para Desempregados. Este curso pertence á familia profesional de Servizos Socioculturais e á Comunidade e á área de Actividades Culturais e Recreativas. Cunha duración total de 388 horas, divídese en 228 horas teórico-prácticas (repartidas en 5 módulos) e 160 horas de prácticas profesionais en empresas da zona.
Este curso responde á demanda que existe na zona en canto a formación nos eidos da educación infantil e a animación sociocultural, demanda que o centro ven trasladando á Consellería solicitando a concesión dun ciclo superior de FP que dea continuidade ao alumnado que curso o ciclo medio de Atención a persoas en situación de dependencia.
O curso iniciarase o 2 de xuño e finalizará o 22 de agosto de 2025. As sesións formativas serán de 6 horas ao día, en horario de 08:30 a 14:30 horas no IES Eduardo Pondal de Ponteceso, e as prácticas profesionais distribuiranse en xornadas laborais de 8 horas, segundo a dispoñibilidade da empresa de acollida.
Este certificado de profesionalidade capacita para organizar, dinamizar e avaliar actividades de tempo libre educativo dirixidas á infancia e á mocidade, no marco da programación dunha organización, aplicando técnicas de animación grupal, fomentando a educación en valores e garantindo a seguridade e prevención de riscos.
Os sectores produtivos nos que se poden desenvolver os profesionais formados neste curso inclúen centros cívicos, ludotecas, albergues, campamentos, casas de colonias, granxas-escola, asociacións xuvenís e outros espazos destinados a actividades de tempo libre infantil e xuvenil.
Entre as posibles saídas profesionais atópanse os seguintes postos:
- Monitor/a de educación e tempo libre
- Monitor/a de tempo libre educativo infantil e xuvenil
- Monitor/a de actividades no marco escolar
- Monitor/a de campamentos, albergues xuvenís, casas de colonias, granxas-escola, aulas e escolas de natureza
Esta AFD é de nivel 2 polo que os requisitos de acceso son:
- Título de Graduado en Educación Secundaria Obrigatoria.
- Certificado de profesionalidade de nivel 2.
- Certificado de profesionalidade de nivel 1 da mesma familia.
- Cumprir o requisito académico de acceso aos ciclos formativos de grao medio ou ben superar as correspondentes probas de acceso reguladas polas administracións educativas.
- Ter superada a proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos e/ou de 45 anos.
- Ter superado as competencias clave.