xoves. 11.12.2025
El tiempo

En marcha a creación dun novo miradoiro sobre o río Anllóns en Ponteceso

Casa de Pondal sobre o Rio Anllons
O novo miradoiro vai estar preto da Casa de Pondal
En marcha a creación dun novo miradoiro sobre o río Anllóns en Ponteceso

A Deputación da Coruña vén de publicar a licitación das obras do novo miradoiro sobre o río Anllóns, no concello de Ponteceso, cun orzamento de 62.276,90 euros. O proxecto finánciase con cargo ao Plan de Sostibilidade Turística en Destinos (PSTD) “Os Fogóns do Anllóns”, impulsado pola institución provincial e financiado con fondos Next Generation EU.

O prazo para a presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 17 de decembro e o prazo de execución das obras é de dous meses.

O proxecto permitirá recuperar e poñer en valor un espazo natural de enorme interese paisaxístico, situado xunto á desembocadura do río Anllóns e moi próximo á Casa de Pondal. A actuación prevé a rehabilitación integral da zona do miradoiro mediante a substitución do valado deteriorado por un novo valado de madeira de iroko, a instalación dunha barandilla de vidro templado que permitirá unha panorámica limpa da ría e a renovación completa das luminarias con modelos integrados no entorno e certificados para contornas Starlight.

A intervención inclúe tamén a mellora do mobiliario urbano, a instalación dun banco-tumbona e o resembrado da zona, garantindo unha integración harmoniosa coa contorna e un respecto máximo polos valores naturais do espazo.

O proxecto forma parte da estratexia provincial para reforzar o turismo sustentable na Costa da Morte.

Máis novas

Comentarios