Xoves. 28.03.2024
El tiempo

Máxica noite con Kepa Junkera e Pazos de Merexo no Couto

Máxica noite con Kepa Junkera e Pazos de Merexo no Couto
De histórica pode calificarse a noite do pasado 15 de decembro. De histórica e de máxica. Non é doado facer coincidir dúas persoas con tanta forza, dúas persoas tan recoñecidas, como as que estiveron na Fundación Eduardo Pondal, na pequena aldea gala do Couto, Ponteceso. Lugar este o do Couto que xa é un auténtico referente cultural da comarca de Bergantiños, da Costa da Morte e de toda Galicia. E aí estaban, Kepa Junquera e Pazos de Merexo, man a man, presentados por outro histórico da música jalleja dajora, Xurxo Souto. Aí é nada. Levaba máis dun ano a directiva da Fundación, con Xosé María Varela á cabeza, tras dun dos Mestres de acordeón máis recoñecidos do mundo. E aproveitando a súa xira de promoción e a súa aposta educativa polo sur de Galicia, invitárono a participar nesta máxica cita. E ao carón, e sen pensalo un momento, Pazos de Merexo, aos seus 85 anos, encarouno e fixo que Kepa o seguise polos confíns dos pasodobles, as muiñeiras e as jotas de Muxía. Foron momentos verdadeiramente emotivos. Xa nos deleitara esta pasada Carballeira de Zas cun dúo magnífico con Budiño, pero a de onte era unha cita moito máis íntima. Os privilexiados asistentes, todas elas xentes do eido musical e cultural da comarca bergantiñá, eran conscientes de que este ía ser un día histórico, como valoraba o propio Suso de Basilio. Aquí vos deixamos cun par de momentos da noite. Kepa invitou a Pazos a coller o acordeón logo de tocar uns temas. Xurxo Souto preguntoulle: “Pazos, cóntasnos alguna historia ou xa lle pegas unhas pezas?” O muxián, que non parou de sorrir en toda a noite ante a mirada orgullosa da súa filla, espetou unha frase que fixo rir a toda a sala: “Cada un vai a feira co que ten”. E botouse a tocar o seu acordeón.

Un repaso á historia da música vasca

Moitas cousas e cun humor espléndido deleitounos Kepa. Falou da súa familia, do seu aitona (avó) músico, da súa ama (nai) bailarina, e de cómo o foron metendo na música tradicional dende os 8 anos. Ademais puidemos repasar a historia da música vasca a través dos instrumentos máis tradicionais. Que se a alboka, que se o arin arin que se a txalaparta, que se a propia pandeireta (a que se move é a man libre en Euskadi, non a da pandeireta), que se o txistu… ata chegar a trikitixa, o acordeón en eukera, instrumento relativamente novo (de finais do séc.XIX) pero que arraigou moito no país euskaldún. Aquí deixamos un par de demostracións tanto coa txalaparta, na que participou o batería láxense Tom Bello (batería dos Centroles), e por certo o fixo de marabilla (vémolo nunha foto); como coa alboka, que semella o son da gaita, pero como son vascos non precisan fuelle, bromeou.

Apoteose final

Kepa tocou varios temas primeiro só, incluídos algúns dos seus máis coñecidos. Logo foi o turno de Pazos, ao que Kepa se amosou encantado de seguir. Xurxo Souto, ademais da súa armónica labia, atreveuse a tocar ao carón do mestre vasco e sacou unha peza do seu acordeón diatónico. Pero antes do remate, Kepa tiña unha nova sorpresa. Xa avisara: “esto de tocar só o bo que ten é que podes facer o que che dea a gana”. E así foi e a improvisación tomou a sala… Para rematar só cómpre facer unha mención especial á Fundación Eduardo Pondal, e a todo o mundo cultural da comarca costeira de Bergantiños. O seu traballo en prol da recuperación tradicional, do espallamento cultural e da difusión das nosas raíces, faise cun sentido global que lle dá sentido se cadra máis intenso a cada actividade desenvolta. Gracias por dinamizar deste xeito a bisbarra e de servir de exemplo para o resto da Costa da Morte.

Máis información

Fonte

Comentarios