Martes. 23.04.2024
El tiempo

Miguel Sen: "A prensa en papel ten mal futuro fronte á dixital"

Xornalista e escritor gastronómico, Miguel Sen Tato (Barcelona, 1946) vive en Corme desde hai sete anos. Alí acaba de publicar a súa última novela, El gato de Balzac, que xa se pode atopar nas librarías de Corme, Carballo, Ponteceso, así como en plataformas de venta online. Falamos con el.

Miquel El gato Corme
Miguel Sen co seu novo libro en Corme (Ponteceso).
Miguel Sen: "A prensa en papel ten mal futuro fronte á dixital"
  • QPC: Desde cando está na Costa da Morte?

Fai uns dez anos, cando no Mediterráneo xa había tantos barcos que bañarse era un exercicio de risco. Pasaba parte dos veráns en Galicia. Descubrín Laxe e Corme, comprei unha casa e pensei en retirarme en canto puidese. Dende fai sete anos, Corme é a miña residencia habitual.

  • QPC: Un biólogo reconvertido en xornalista gastronómico. Cando ocorre isto?

Os camiños do señor e do demo son inescrutables. Deixei a bioloxía, concretamente a microbioloxía, para interesarme nun mundo próximo ó dos viños. Estabamos nos anos en que en España, como todo estaba prohibido, pensábamos que todo nos sería permitido. Así que comecei a escribir de restaurantes e viños na Guía do Ocio en Barcelona, onde colaborei máis de vinte anos, e noutras moitas publicacións. Entre elas Playboy. Creo que fun o primeiro escritor en sacar en Playboy a Juan Mari Arzak completamente vestido. Despois dirixín durante quince anos un programa culinario diario na televisión autonómica TV3, mentres publicaba libros suculentos, ou non tanto, porque algunha das miñas novelas é duriña.

  • QPC: Tes publicados numerosos libros sobre gastronomía. Como é o proceso de edición de todas estas páxinas?

A edición cambiou totalmente. Agora envío os meus artigos semanalmente a El Periódico a punto de montaxe. Recordo cando as redaccións estaban cheas de periodistas e de fume. Tempos gloriosos nos que podías escoitar ós Mestres. Todo iso nunca máis volverá suceder. A prensa en papel ten mal futuro fronte á dixital. De aí que Gastronomía Alternativa fose desde o principio unha revista de non-papel.

  • QPC: Ademais destas publicacións en papel, tes unha revista dixital: gastronomíaalternativa.com. Que se pode atopar a persoa que visite este espazo virtual?

Na miña revista dixital Gastronomía Alternativa pódense atopar artigos de opinión e crónicas de colaboradores especializados, sempre dentro dun alto nivel cultural. Nun momento no que na rede ditan cátedra influencers que pasaron do potito á cociña peruana nun minuto, é importante manter unha liña de esixencia.

  • QPC: Ves de publicar o teu novo libro, “El Gato de Balzac”, unha novela na que es capaz de aunar varios xéneros literarios. Porque recomendarías a súa lectura?

É unha novela que recomendaría ler amodo, como se bebe un bo viño. Hai moitas historias dentro. Personaxes inventados, outras moitas históricas, demos, moita sensualidade a nivel gastronómico, é dicir, o pecado da gula como protagonista e por medio un debuxo da soidade cando se alcanza certa idade. Din algúns lectores sabios que funciona en todos estes niveis.

Comentarios