Venres. 03.05.2024
El tiempo

Novo programa dinamizador da Fundación Eduardo Pondal co apoio da Xunta

Novo programa dinamizador da Fundación Eduardo Pondal co apoio da Xunta
Volve contar co apoio da Xunta a Fundación Eduardo Pondal

Volve a Fundación Eduardo Pondal contar co apoio da Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para impulsar un novo programa de actividades de dinamización da lingua e a cultura galega, así como o estudo e preservación da obra do gran poeta pontecesán.

No marco deste acordo levaranse a cabo –sempre en lingua galega– numerosas actividades culturais que dinamizarán as comarcas de Bergantiños e da Costa da Morte. Como é o caso das ‘Covas Célticas’, uns faladoiros-café nos que se abordarán diversos temas de interese. Tamén organizarase a actividade ‘Non des a esquecemento’, na que se realizarán mesas redondas e gravacións de interese etnográfico; o ‘II Certame de Pintura Álvarez de Sotomayor’; ou as conmemoracións do nacemento e falecemento de Pondal.

Doutra banda, este acordo tamén inclúe unha oferta eminentemente educativa e formativa como o ‘Festiletras’, un amplo programa de actividades arredor do Día das Letras Galegas; a Aula pondaliana de declamación; ou a Escola de verán, un proxecto que procura o achegamento ao idioma mediante actividades como a música, a danza ou encontros con escritores. Ademais, realizarase un Simposio Pondaliano, que consiste nunha acción formativa centrada nos temas pondalianos ofertada ao profesorado da Costa da Morte; a Formación de monitores en lingua galega; ou a propia Universidade Pondaliana Sénior.

É importante recordar que a Fundación Eduardo Pondal foi merecente, entre outros, do Premio Cultura Galega ás Iniciativas en prol do Patrimonio Cultural, pola súa programación participativa arredor das letras galegas, desenvolvida coa implicación de entidades, axentes culturais e veciños da terra natal do vate de Ponteceso.

Novas relacionadas

Fonte

  • Xunta.

Comentarios