O GES de Ponteceso usa unha aplicación de identificación de parcelas para loitar contra os incendios
08:07 28/06/17
O pasado sábado rexistrouse na parroquia pontecesá de Corcoesto un importante incendio forestal. Imaxe: Petón do Lobo
Comezada xa a campaña de incencios de verán cun incendio en Corcoesto rexitrado o pasado sábado, o Grupo de Emerxencia Supramunicipal - GES - de Ponteceso vén de incorporar un sistema de identificación de parcelas para a defensa contra os incendios forestais. Esta aplicación permite ter localizadas todas as parcelas do municipio que estean dadas de alta no Catastro e así poder identificar aos seus propietarios. Os datos que se achegan ademais son o tipo de solo, as construcións existentes en cada un dos predios e as distancias aos núcleos de poboación ou instalacións perigosas como poden ser as gasolineiras.
O obxectivo deste proxecto é poder definir as faixas de xestión da biomasa que están afectadas pola Lei de Montes de Galicia e/ou a Lei de prevención de incendios. Neste senso, a consellería de Medio Rural - dirixida por Ángeles Vázquez - lembra que a normativa actual establece que os primeiros responsables de xestionar debidamente os terreos forestais son os seus propietarios e que aos concellos lles corresponde manter en condicións a vexetación nas franxas próximas aos núcleos habitados, repercutindo o custe destes labores sobre os propietarios das parcelas.
A Consellería do Medio Rural ve esta ferramenta moi útil na prevención e loita contra os incendios forestais, xa que permite ver que predios non están debidamente acondicionados e poder comunicarlles aos seus donos o deber que teñen nesta materia. O goberno galego fai un chamamento para que, entre todos, fagamos un esforzo para cumprir estas normas, a prol dunha maior seguridade das persoas, en primeiro lugar, e tamén dos bens non forestais, diante do problema dos lumes.
Incendios 2017
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Medio Rural