Discrepacias municipais sobre as contas do Concello de Ponteceso
O PSdeG-PSOE anunciou esta semana que vén de solicitar formalmente ao Tribunal de Contas que inicie unha investigación sobre a grave situación económico-financieira do Concello de Ponteceso, tras detectar o que entende como “anomalías” e “irregularidades” nas contas municipais dos últimos anos. Unhas anomalías que, segundo o grupo da oposición, foron “advertidas tamén reiteradamente polo servizo municipal de Intervención e ás que tanto o goberno local do Partido Popular como a Dirección Xeral de Administración Local da Xunta fan caso omiso”.
O PSdG cuantifica a débeda municipal nuns 800€ por habitante.
O grupo denuncia os “numerosos servizos contratados fóra dos cauces orzamentarios”, e o “incumprimento sistematico do plan de axuste, como reflicte o feito de que todos os informes trimestrais do Ministerio de Facenda sexan negativos”. “O Goberno incumpre o plan de axuste no que toca á redución do gasto, pero non nas subas de impostos aos veciños”, puntualizou.
O voceiro local do PsdG, García Carballido afirmou que “dende 2005 a 2013 o Goberno municipal de José Luis Fondo inflou artificialmente as contas municipais, orzamentando 8 millóns de euros máis do que realmente recaudou por licenzas de obra (ICIO)”. Concretamente, segundo os datos oficiais do propio Concello facilitados polos socialistas, “en 2013 o Concello orzamentou por este concepto uns ingresos de 1.189.000 euros, que en realidade ascenderon a só 38.000 euros, e en 2012, cunhas previsións orzamentarias de 1.790.000 euros, os ingresos reais ascenderon a só 75.000 €”. Segundo o deputado Fran Caamaño “incrementar os ingresos de maneira ficticia” deste xeito só pode ser para “xustificar os 180.000 euros destinados a soldos políticos e algunhas partidas de gasto”.
O alcalde defende a súa política e as súas contas
Pola súa banda, o alcalde de Ponteceso, José Luís Fondo Aguiar, explicou que "o PSOE pode opinar o que queira, pero a realidade é que a economía estase sostendo, ademais sen problema". Fixo referencia á cita dos 800€ de débeda por habitante considerando que é un "dato falso", e sinalando que o término municipal está "por baixo da débeda media de España" e "iso o PSOE sábeo", concluíu.
Aguiar ademais entendeu como un "despropósito" o feito de ter feito esta comunicación pública dende Carballo porque "é un desprezo cara a Ponteceso", e criticou a presencia de Caamaño, "un ex ministro do Goberno que levou á ruína a España".
Fonte
- Nota de prensa do PSdG de Ponteceso.