A oficina de atención para os afectados polos lumes comeza a funcionar en Ponteceso

Pagando aos damnificados e privatizando os equipos de emerxencia, no canto de traballar na prevención. Está clara a política contra os lumes da Xunta de Galicia, que vén de anunciar a posta en marcha dunha oficina de atención para os afectados pola vaga de lumes de Corme e Ponteceso. A servizo, xa en funcionamento nas dependencias municipais do Concello, está atendido por persoal técnico da Consellería de Medio Rural e da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, e servirá para ofrecer asesoramento presencial aos prexudicados polos incendios, brindándolles información sobre as distintas axudas implantadas polo organismo autonómico.
O de Ponteceso é un dos dous únicos puntos informativos da provincia e un dos 16 de Galicia. Neste posto informativo, dispoñible no salón de plenos, as persoas afectadas recibirán información e poderán tramitar as distintas liñas da Xunta de Galicia. Así, existen axudas para vivendas; explotacións agrícolas, gandeiras e forestais; para empresas; para recuperar infraestruturas de uso público en espazos protexidos e para cubrir os danos persoais a consecuencia dos lumes.