Xoves. 25.04.2024
El tiempo

Ponteceso acollerá o II Ponteaventura Raid

Ponteceso acollerá o II Ponteaventura Raid
Por segundo ano consecutivo, vai voltar a Ponteceso un Raid de Aventura. Trátase dunha proba multidisciplinar por equipos na que os participantes deben completar un percorrido de orientación no menor tempo posible, e superando as dificultades que atopen aos seus pasos  sen o uso de medios motorizados. O II Ponteaventura Raid encádrase dentro da VII Liga Galega de Raids de Aventura, sendo a sexta proba das sete que a compoñen. Participarán equipos das catro provincias galegas, en total uns corenta ou cincuenta. Os participantes percorrerán un mínimo de 80 quilómetros, cun desnivel de máis de 2.300 metros en clave positiva. Ademáis, o nivel dos equipos vai estar moi diferenciado, xa que as intencións non son as mesmas en todos os casos. Hai equipos que só pensan en pasar un día facendo deporte na natureza, e outros queren competir. Se hai alguén interesado ou interesada en ver o transcurso da competición, poden dirixirse á Praza do Recheo de Ponteceso ou á Praza da Riveira de Corme. Ademáis, achegaranse responsables da organización ata o monte para informar do xeito de transcorrer da carreira. Programa O II Ponteaventura Raid celebrarase o sábado 3 de setembro de 2011. Sairá da Praza do Recheo ás 10:00h e constará dun 80 quilómetros divididos en catro seccións. A primeira estará baseada na bicicleta de montaña e o trekking, e consta de 22 quilómetros. Sairán da Praza do Recheo, pasarán de novo por ela 20 minutos despois, e chegarán a Corme, á Praza da Riveira, ás 12:00h. A segunda etapa será de trekking, con 14 quilómetros de percorrido e saída e chegada na Praza da Riveira, arredor das 13:30h. Unha ruta BTT constituirá a terceira etapa, con trinta quilómetros. Sairá da Riveira para chegar ao Recheo ás 16:30h. E por último, a cuarta etapa será de trekking e kayak, con dez quilómetros de percorrido e saída e chegada no Recheo. A chegada dos primeiros equipos está prevista para as 17:30h pero a liña de meta non pechará ata as 20:00h. En canto ás inscricións, a data límite de inscrición é o 30 de agosto e o número máximo de equipos participantes de 60. A cota de inscrición por equipo ascende a 54 euros. Para máis información, deben dirixirse ás webs agaco.es, bomberoscoruna.com ou ponteceso.net.

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do Concello de Ponteceso.

Comentarios