O proxecto Novemares afonda na necesidade da educación dos consumidores para valorar a calidade do produto local

A semana anterior tocou na lonxa de Laxe, apuntando ideas moi importantes como a necesidade de apostar polo valor engadido no produto do mar, e partindo desa premisa, a Fundación invitou a varios relatores de prestixio para seguir afondando no asunto.
Estes foron Miguel Silvarredonda (chef e docente de gastronomía da FP Dual do CIPF As Pontes-A Coruña), Antonio Miguez (Adega Boas Vides), Xosé Antonio Meixide (Adega Bordel) e Alberto Varela (Choiva Viños). Todos recoñeceron que “a gastronomía da Costa da Morte é un dos factores distintivos do noso territorio e constitúe unha das razóns de maior peso para o turismo na zona”. Apuntaron datos sobre os tres produtos máis consumidos en Galicia: o polbo, a empanada e o pemento de Padrón, e se ben o polbo e empanadas adoitan ser importados, de aí a posibilidade de que a administración e a empresa privada traballen colaborativamente para revertir esta situación.
En clave de mar, propoñen aproveitar o peixe, o marisco, as algas e as microalgas como materias primas, alimentos saudables e, no caso das algas, con gran potencial. De aí a necesidade de apostar pola “formación das novas xeracións en eidos como a recolla, o tratamento e a comercialización do produto do mar para garantir o triunfo de iniciativas empresariais que consoliden poboación e riqueza no noso territorio”.
Destacaron o traballo co congro de Camariñas, pero tamén na educación dos consumidores para que aprendamos todos a valorar a calidade do noso produto perante o de fóra.
Non faltou a alusión á necesidade de innovar na preparación gastronómica.
Vindeira cita
O próximo 25 de maio o seguinte faladoiro será no Museo de Man de Camariñas sobre As Artes do Mar, noutro relatorio xerador de cultura.