Sol Agra destaca o valor das Redeiras de Corme e Malpica
Recibíron onte as redeiras de Corme (Redeiras Illa da Estrela) e Malpica (Redeiras O Fieital) a visita da deputada provincial de igualdade, Soledad Agra (BNG). Agra puxo en valor o traballo artesán “destas mulleres que coas súas mans tecen redes, tamén simbólicas, e manteñen unha tradición que, ademais de contribuír a unha pesca sustentable, é sinónimo de identidade e de país”.
Ademais, a deputada sinalou que “coas súas mans fan o traballo artesanal que despois permite capturar o peixe; son o sostén de todo un sector como o pesqueiro, mais, sendo unha profesión completamente feminizada, non reciben ese recoñecemento que merecen, como acontece en tantos outros casos”.
“Co seu traballo contribúen ao desenvolvemento dunha pesca sustentable e respectuosa co medio pero, ademais, manteñen unha tradición centenaria que é sinónimo de identidade de calquera vila mariñeira e de país”, apuntou a deputada. “Dende as administracións públicas debemos poñer en valor esta profesión e dignificala, combatendo as malas condicións laborais e a falta de relevo xeracional porque, ademais, sería un bo xeito de fixar poboación”.
As Redeiras de Corme, en prisión
Descatable é o último traballo que está a realizar a Rosa Rodríguez no centro penitenciario de Teixeiro. A cormelá é a formadora do proxecto Tecendo Redes, impulsado pola Fundación Érguete-Integración, que permite que as redes de pesca que xa non serven para o mar se reciclen e se convirtan en redes e canastas para centros deportivos e educativos. Rosa forma a internos e internas de Teixeiro para que poidan aprender o oficio de redeira, conseguindo ofrecer ademais unha ferramenta de reinserción laboral para cando saian de prisión.
Non hai moito a Fundación expuxo o seu traballo no Feirón social de Carballo.
Máis novas das Redeiras