Venres. 03.05.2024
El tiempo

As Redeiras Artesás de Corme acodiron a París cos seus complementos para animais de compañía

 Rosa Rodríguez e Gloria Santos Redeiras de Corme en Francia
Rosa Rodríguez e Gloria Santos en plena faena
As Redeiras Artesás de Corme acodiron a París cos seus complementos para animais de compañía

Impresionante o que conseguen as Redeiras de Corme coa súa vea artesá. Desta volta, foron invitadas por Artesanía de Galicia, a participar esta fin de semana na inauguración dunha tenda efémera no mercado Le Bon Marché de París na que realizaron demostracións con aparellos de pesca personalizando complementos para animais de compañía da empresa The Painter’s Wife.

Rosa Rodríguez e Gloria Santos fixeron unha demostración do oficio da elaboración de redes e ofreceron ademais un servizo de personalización de correas e de arneses.

Esta colaboración é o resultado do último dos cursos de formación especializada dirixido ao colectivo de redeiras artesás galegas, “Integrando a artesanía no sector das mascotas”, que se desenvolveu no porto de Corme (Ponteceso) entre os meses de maio e xuño deste mesmo ano, impartida por Rosana Agrelo e Sara Prieto. O seu obxectivo era a creación dunha colección cápsula de colares e arneses para cans, realizados integramente á man, empregando materiais procedentes das artes de pesca. A colección está xa dispoñible na tenda online de The Painter’s Wife e poderase mercar na tenda efémera Olé Olé, da que forma parte esta marca de complementos para mascotas, e que está aberta ata finais de outubro en Le Bon Marché de París.