Tallo celebra cunha Polafía o Día Mundial da Narración Oral


A Costa da Morte é potencia en materia cultural, e a visita da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega para celebrar o Día Mundial da Narración Oral así o refrenda. A entidade celebrará en Tallo, Ponteceso, tal data, unha “Polafía” co lema “Non deas a esquecemento”, como fixeran xa no 2011 en Cabana e Cerqueda.
A partir das 17:00h do sábado 21 a Escola de Tallo recibirá a varios regueifeiras/os nun acto que conta ca colaboración da Fundación Eduardo Pondal, o Concello de Ponteceso, o Centro Rural Agrupado CRA Nosa Señora do Faro, e o patrocinio da Consellaría de Cultura e a Deputación Provincial da Coruña.
Nunha cita na que os contidos serán gravados, catalogados, transcritos e subidos á web da AELG, sumándose aos 760 vídeos xa existentes das 27 polafías celebradas por todo o país desde 2007.
Estarán grandes copleiros como:
- Carmen Eiroa (Pardiñas-Tallo), que falará dos regueifeiros/as que coñeceu (por exemplo, a afamada Leonarda de Tallo).
- Obdulia (Xornes), quen falará de seu pai, o afamado Calviño de Tallo.
- Teresa (A Campara-Cores), contaranos do afamado Cadete de Figueroa-Cores.
- Carmen (Mandián-Xornes), ilustraranos sobre o seu parente, o afamado Mandián de Xornes.
- Matilde Vilariño (Dombate-Borneiro), recitará un poema sobre os regueifeiros, composto especialmente para esta Polafía.
- E as regueifeiras e regueifeiros Lola, de Pardiñas (Tallo), Dolores do Coxo (Borneiro), José de Severo (Borneiro), Manuel Fariña (Cesullas) e Suso de Xornes.
Ademais, o profesorado e alumnado do Centro Rural Agrupado Nosa Señora do Faro tamén colabora e participa nesta Polafía. E a parte musical poñeráa Eloy Mato, neto de Matilde Vilariño, de Dombate.
A entrada é libre até completar aforo.
Novas relacionadas
- 2011: Música e literatura mesturáronse na polafía de Cabana.
- 2011: A “Polafía”, unha auténtica viaxe en vídeo pola tradición de Cerqueda.
Máis novas
- Asunción Antelo: Coñecendo á voz feminina creativa máis salientable das terras de Pondal.
- Os poetas populares de Cabana xa teñen o seu libro gracias á divulgación de Xosé Manuel Varela.
- E Rosalía tamén rendeu homenaxe a Fermín da Feiranova.
- A regueifa perde a Fermín da Feiranova, o máis antigo dos regueifeiros de Bergantiños.
- A regueifa revive en Xornes, berce da canteira retranqueira bergantiñá.
- Caldebarcos rima nos Muíños unha oda ao millo.
- Os pequenos vimianceses xa riman a golpe de regueifa.
- Xosé Manuel Varela e Fermín Calvo espallan a regueifa bergantiñá por Chantada.
- Música e literatura mesturáronse na polafía de Cabana.
Fonte
- Redacción de QPC (info@quepasanacosta.gal).