Sábado. 20.04.2024
El tiempo

Vía Stella

Illa de Viastela de Corme
Illa de Viastela de Corme

Todo o mundo sabe da importancia que a día de hoxe ten o Camiño de Santiago para o turismo, pero na súa longa historia foi unha ruta perigosa e case que esquecida. Como todos os camiños serviu para espallar Cultura, Arte e tamén enfermidades. Foi a partir da segunda metade do século XX cando o Camiño comezou a ser unha ruta segura e con comodidades e, a día de hoxe, é unha das rutas mundiais máis importantes para o turismo. É tan grande o interese económico para as vilas e cidades polas que pasa o Camiño que comezaron a aparecer ramais e novos camiños pola totalidade da xeografía española sen que se saiba moi ben que tipo de criterio seguen quen queira que sexan os que conceden ese importante galardón para que un sitio poida ser oficialmente “Camiño de Santiago”. 

Non sei se investigan eles ou hai que presentarlles investigacións e se esas investigacións son avaladas por alguén, e que tipo de intereses ten ese alguén con conceder ou non. O certo é que en Corme e en (Barizo) Malpica de Bergantiños presumiamos de ser o único sitio de Europa polo que non pasaba o Camiño de Santiago. Quen fose o que é o que aproba estas cousas resolveu que Corme e Malpica de Bergantiños non ían ter o seu Camiño. E non foi porque lles resultásemos peores candidatos senón porque non había “café para todos”. Íanllo dar a Merexo, Camariñas e Laxe como portos Xacobeos e non lles pareceu ben deixarnos fóra só a nós, tendo en conta que tanto Corme como Barizo, xunto con Cee e Muxía, xa saen como portos de importancia nos primeiros portolanos do séc. XIV.

Mapa Portolano Puerro Vesconte (1313) e Mapamundi de Cresques
Mapa Portolano Pietro Vesconte (1313) e Mapamundi de Cresques

Pero non pensedes que aínda que nos deixasen fóra, este cornecho do mundo non ten vestixios, historia, lendas e unha relación moi directa co “Camiño de Santiago”. Tenas. E moitas. Moitas máis das que ninguén podería imaxinar e que, non obstante, son descoñecidas ou foron ignoradas polos “investigadores do Camiño”.
Ou non.

Eu vou intentar poñer orde en todos os vestixios, casualidades e curiosidades que hai nesta parte do mundo arredor da lenda e da realidade deste milenario camiño das estrelas e para iso hai que empezar polo principio. 

Sen entrar en detalles que farían moi longo o relato, podemos resumir a lenda do Apóstolo comezando por onde nace o conto. Xa é ben entrado o século VI cando se publica o “Breviarum Apostolorum” e o libro “De Ortu et Obitu”, dos que se interpretou a chegada do corpo de Santiago a Galiza para enterrarse na “Acha Marmarica”. A partir do ano 828 no que se “descobre” a tumba, a “documentación” é abondosa sobre todo no referido ao traslado. A lenda, da que hai diferentes versións, di que chega nun barco de pedra sen vela nin temón e que os seus discípulos, querendo soterralo con dignidade, solicítanlle á Raíña Lupa, que vive nun castro na cima do monte, axuda para transportar o corpo. Ela “mándaos ao principio ao Promontorium Nerium, lugar no que está a Ara Solis, atopando alí o sacerdote do templo que os prendeu”. Logran escapar e de novo volven pedirlle a Raíña Lupa que os axude e ela mándaos ao “Monte Sagrado” onde poderán recoller uns bois e un carro para transportar o corpo do defunto. Pero no Monte Sagrado atopan uns touros bravos que ao beber nunha fonte amansan milagrosamente. Despois aparéceselles un dragón que ante a sinal da cruz estoupa pola barriga. Finalmente, sotérrano nunha “Acha Marmarica” ou Arca Marmórica e non se volve a saber máis desta tumba ata o ano 828, no que o eremita Pelaio ve unhas luces no sitio que se chamará Campus Stellae e no que, despois de avisar ao Bispo de Iria Flavia Teodomiro, “aparecerá” unha tumba antiga. O que vén despois xa todos o coñecemos Pero hai cousas que pasaron desapercibidas e moi pouca xente coñece, ben porque ninguén reparou niso ou ben porque é certamente raro. Raro e curioso. 

Illa de Viastela de Corme
Illa de Viastella de Corme

Imos comezar polo máis evidente e notorio. E o primeiro que podemos ver é un sitio en Corme que ninguén pode negar que é o máis parecido a un barco de pedra sen vela e sen temón que vemos neste confín do mundo. É unha pequena insua que, de marea chea, se converte en illa e que ten o suxerinte nome de Viastella. Xa está documentada con ese nome en 1486 (Libro de Altamirano). Nun arquivo da Catedral de Santiago de 1548 di que hai unha “ermita que llaman Santa María de Viastela” e noutro arquivo de 1598 di “ay una ysla que llaman Nra Sra de Viastela donde dizen que bivio heremiticamente un obispo de yrlanda que antiguamente la fundo y se enterro en ella… Ay gran numero de sepulturas a la parte de fuera al lado de la Epistola y uno como cavildo con su capilla al principio lo que demuestra el concurso que devio de aver en otro tiempo en esta ermita” (Juan Félix Neira Perez).

No Libro de Visitas da Fábrica Parroquial anótase no ano 1672: “La ermita… nra sra de diastela que esta en una isleta desta mar yndecente y desbanada sin Retablo puertas ni ospital”. Ordénase que a ermida que antes funcionaba como hospital ou hospedería recupere o “caritativo uso pª Recojerse los pobres y Romeros” (Xelucho Abella Chouciño, Xeoantropoloxía mítica da Costa da Morte). Tamén hai unha publicación (ignoro o autor) no que se di: “Polos anos 1661 a “Virxe da Estela” venerábase nunha isleta en el mar, Illa da Estrela, cerca da Praia da Ermida. Alí tiña a súa capela, patronazgo da Capela de Alba da Catedral de Santiago. Os topónimos falan da súa presenza alí. Había un “Hospital” para atender os devotos enfermos, que acudían en multitude. Ao derrubarse a capela, o cura levou a imaxe polo ano 1856”.

Polo anteriormente descrito, xa podedes ver de que algunha conexión vai habendo con Compostela. E non é a única. Por desgraza, a ermida que existía nesa illa desapareceu case por completo vítima do espolio e a día de hoxe só se conserva a planta e un valado exterior que pouco a pouco se vai derrubando polo efecto do mar. Descoñécese se aínda está a tumba do “Bispo Irlandés” ou se se conserva algo máis. Pero hai tres anos quixo o destino que unha peza pertencente a un capitel aparecese no paso entre a illa e terra (posiblemente caída dun carro que a transportaría e que, desgraciadamente, continúa alí aguantando os embates do mar polo abandono das autoridades, que son as responsables de velar pola conservación e protección do Patrimonio).

Capitel con forma de cuncha de vieira atopada en Corme
Capitel con forma de cuncha de vieira atopada en Corme

O curioso dese capitel é a súa forma, porque nun sitio chamado Viastela ver un capitel con forma de cuncha de vieira pode ser unha casualidade, pero tamén é curioso. Pero volvamos á historia que tiñamos pendente.

Cando chegan a terra no “barco de pedra, sen vela e sen temón van ver a Raíña Lupa que vive nun castro no alto do monte onde ten o seu pazo”. Pois moi cerca de Viastela, no alto do monte, aínda se conservan as murallas de un pequeno castro chamado Santo Hadrián Vello (5) onde a carón delas se fundou a primeira igrexa e a primeira necrópole cristiá coñecida en Corme (a antiga igrexa foi espoliada das súas pedras e de unha ara romana que estivo nun valado ata os anos 1990 e, a día de hoxe, só queda algún canzorro nos valados da contorna. O castro está devorado polos eucaliptos e no antigo cemiterio hai unha plantación de piñeiros). Foi ese o castro onde “vivía a Raíña Lupa”? Seguro que non. Pero para chegar ao castro dende Viastela hai que pasar antes polo antigo Pazo de Gondomil, onde podemos apreciar (aínda que moi deteriorado polo uso de máquina a presión para limpalo), un escudo nobiliario tamén moi curioso. Tendo en conta en que época se comezan a utilizar este tipo de adornos e como se elaboran, podemos pensar que o que vemos en Gondomil é curioso para a historia que vos relato. E o que primeiramente vemos nese escudo dividido en catro celas é o parentesco, non por unha parte senón por dúas, cos Moscoso da casa de Altamira (séc. XV) (antes, vizconde de Finisterre) que presumían de descender directamente da liñaxe da Raíña Lupa, representados neste caso por dúas cabezas de lobo.

escudo dos Moscoso
Escudo dos Moscoso da casa de Altamira

Viastela, hospital, vieira e Pazo dos Lupos. Curioso. Pero dixemos que o escudo estaba dividido en catro celas. As outras dúas, ao contrario ca as cabezas de lobo, son susceptibles de interpretación e nunha podemos ver un “soldado” con espada e na outra dous animais cuadrúpedes xunguidos polo pescozo en diferente ángulo. Son bois? Eu non o sei pero aínda que non o fosen tampouco nos afectaría moito para o camiño que levamos.
Se o son, tampouco é raro, porque o rueiro máis alto da actual Aldea de Corme se chamase O Toural e para chegar alí hai que pasar antes por onde se atopa a igrexa actual, rematada de erixir no 1790 nun sitio que recibe o nome de “Campo da Estrela”. Si.

Captura Maps Toural

Só uns centos de metros separan estes sitios e, para comprobalo, imos deixarnos levar polo máis espectacular de todas estas curiosidades e, ao igual que o faría o Dragón da lenda, despregaremos as ás para ver desde o ceo o que vos estou contando.

Porque se ata o de agora chamarse Viastela, ter un capitel de vieira, estar os descendentes da Raíña Lupa nun “castro-pazo”, un espazo chamado “Campus Stellae” e outro chamado O Toural non chega para ver o que xa vai sendo evidente, non me poderedes negar que saber que a Serpe de Gondomil non é unha serpe senón un dragón, xa vai clarexando un pouco máis este misterio.

A Cruz da serpe de Gondomil
A Pedra da Serpe de Gondomil

Porque esa representación pétrea non é outra cousa máis que un dragón con dúas ás e co remate do rabo en punta de frecha (ver abaixo). É a única figura antiga de un dragón esculpida en pedra que se coñece e que, ademais de ser dragón, ten un buraco na barriga (11). Un dragón (cunha cruz enriba) que estoupa pola barriga. A lenda di que o dragón ao que se enfrontan os discípulos que traen o finado “estoupa pola barriga ao ver o sinal da cruz”. Curioso. 

Detalla da pedra da Serpe de Gondomil
Detalle do do rabo en punta de frecha pedra da Serpe de Gondomil
Detalle dun buraco na barriga da Pedra da Serpe
Detalle dun buraco na barriga da Pedra da Serpe

Xa temos a Viastela, vieira, castro-pazo dos Lupos, touros bravos, Campus Stellae e un dragón coa barriga furada e cunha cruz enriba. Se son casualidades, son moitas casualidades. Hai máis. E para velas temos que dirixirnos pola “Via Stellae” na dirección do sitio que todos buscaban. O Promontorim Nerium e a Ara Solis. A esquina do mundo coñecido e onde se “xuntaba o Mar o Ceo e a Terra” (Plinio). Ese sitio único (o sol sempre se pon polo mar pero no mes do solsticio de verán tamén sae polo mar, e a lúa sae e ponse polo mar todos os meses e en todos os ciclos) non é outro que o que hoxe se coñece como Punta Nerigha. E para chegar alí desde Viastela hai que pasar antes polo Monte do Faro. Dicir que o Monte do Faro foi sempre un monte “Sacro” non é novidade ningunha, e máis sabendo que xa Eduardo Pondal no 1874 falou das mámoas que hai neste sitio (O Vaqueiro) nun artigo periodístico. Ermida, Fonte Santa e nove Mámoas converten este monte nun dos máis sagrados lugares da contorna.

mámoas do Vaqueiro
Mámoas do Vaqueiro

Podemos dubidar cal dos dous (Faro e Santo Hadrián Vello) é o monte máis Sagrado, pero ningún dos dous desmerece para recibir tal galardón. Pero non nos perdamos neste camiño tan fácil de percorrer e sigamos adiante. Porque se camiñamos un pouco máis xa case que chegamos ao P. Nerium. E antes de chegar alí, o lugar máis sagrado que atopamos xusto onde estaba o acceso ao Nerigha e a Magna Salaia, era e é o Mosteiro de Mens que, “curiosamente”, foi fundado na advocación de Santiago. O Mosteiro de Santiago de Mens ten algunha que outra curiosidade que o vincula con Compostela e co Camiño que son dignas de mención. Para sabelo case que todo o concernente a este Mosteiro chega con ler a obra de Alejandro Barral Iglesias “El Monasterio de Santiago de “Magna-Salagia” (Santiago de Mens) e nela poderemos darnos conta de que ese vínculo é moi intenso. Primeiramente son os límites de Magna Salagia aos que fai referencia o diploma de doazón das igrexas rexias que fai Alfonso III ao Bispo Sabarico I de Mondoñedo, no 866. “Situado no Val de Salagia, ao Mosteiro coñéceselle por “Sant(iag)o de Némesis, facendo referencia ao Monte Nemi/e, por estar, ao igual que Santo Tomé de Nemens (Nemeño) cerca dese monte. A igrexa románica de Stgo. de Mens é unha das poucas construcións relacionadas ca arte asturiana prerománica en Galiza e a “súa estrutura baseouse na capela que se erixiu en Compostela cando se descubre a tumba do Apostolo”. Unha boa testemuña é a “ara paleocristiana de Mens” unha tábula caliza (similar á de Santa Comba de Bande) que está ornamentada con “fina e abundante decoración xeométrica na súa cara superior e nos catro laterais, aberta en fondos biseis e no que a súa derivada molduración romana supón a existencia de unha basílica de baixa latinidade ou do período xermánico”. Bande tamén ten vínculo con Mens, ao igual que Compostela. Mens, Corticela, Cebreiro, Rebordáns e Ansemil son de estilo asturiano, anteriores e prototipos da II Basílica (Compostela) de Alfonso III que xa ten elementos mozárabes.

Dimensions da Basilica de Compostela-Mens

Tamén son dignas de ter en conta as dimensións da II Basílica de Compostela e as prerrománicas de Ansemil, Corticela e Mens e resulta curioso ver que a de Mens supera a de Compostela na anchura da nave lateral e no espesor dos muros laterais, e en todo áa de Ansemil e Corticela. Que o Mestre Gonsalvus estivo moi en contacto coa obra e os mestres composteláns e que traballou con eles na construción da segunda fase da II Basílica é ben sabido polos eruditos da materia.
Poderiamos rematar dicindo que, curiosamente, se trazamos unha liña recta entre Viastela e a Ara Solis (Santo Hadrián) podemos ver que pasa por riba do dragón, do Campo da Estrela, o Monte do Faro (Sacro) e Santiago de Mens. Curioso. 

Captura do Maps en Malpica e Corme

Pero o máis curioso de todo é que ninguén dos que dan e quitan tivesen tempo de pararse a analizar as evidencias que calquera pode ver, a non ser que padeza algún tipo de cegueira interesada. E aínda que a cegueira sexa nova, o interese é moi antigo. E onde hai algún tipo de interese neses tempos antigos, curiosamente, sempre aparece un Pelaio. Pelaio viu as luces no Campus Stellae no que se “atopou o corpo do Apóstolo”. Pelaio “venceu na Batalla de Covadonga”. E Pelaio asina de primeira testemuña na doazón que fai Rosendo (Bispo) de Mondoñedo para a fundación do Mosteiro de Almerezo o 7 de Maio do 867 (15).

Carta donación de Almerezo 1

Carta donación de Almerezo 2

Carta donación de Almerezo 3

Carta donación de Almerezo 4

Que ese documento, que é o máis antigo que se conserva do Arquivo Histórico de Galicia, comece dicindo “porque é moi notorio a todos, que Gasisnio meu tío, gozou de dito lugar de Almerezo, e por sucesión del veu enteiramente a miña herdade” estanos dicindo que debía de haber algo que ameazase o seu patrimonio e necesita recalcalo ao principio do documento. Noutro documento do Tombo de Celanova vemos que ata o 958 Corme e Niñóns pertencen a un portugués chamado Galindo que llas permuta nesa data a Rosendo (San) de Celanova.

Tombo de Celanova
Sobre o Tombo de Celanova

Se esta parte é do Bispo de Mondoñedo, pouco manda Teodomiro, polo que se quere montar unha franquicia do que está acontecendo ao redor do Ara Solis teno que facer no seu territorio. Tamén resulta curioso que neses tempos houbese tres mosteiros (Almerezo, Nemeño e Mens) nunha liña de catro quilómetros no mesmo val, o que nos dá unha idea do que estaba a acontecer neste recuncho esquecido polos que deciden por onde pasa ou non pasa o Camiño. Os que vivimos aquí sabemos de vello que ese Camiño do que falan os que saben, ten aquí a súa réplica, polo menos tan antiga (senón máis) como a que eles venden. Cando é a festividade do Apóstolo, os que vivimos nesta parte do mundo imos a Mens e cando é o día de Viastela os da parte de Agualada, na dirección de Compostela, viñan a Corme en multitude non hai moitos anos. Víñase de alí para aquí. Tamén curioso. Do axadrezado Xaqués de Mens, Cores, Tallo e Anllóns xa mellor non dicir nada. Porque basta con nomealo para que os que dan e quitan salten en manda reafirmándose nos seus vetos a esta esquina do mundo coñecida polos romanos que é o Promontorium Nerium, Promontorium Celticum ou Promontorium Artabrorum, que das tres maneiras era chamado e que non é outro que o Monte de Nerigha.

E se neste sitio estivo e está a Ara Solis (Santo Hadrián) e o Promontorio Nerium (Nerigha), e a lenda di que o querían soterrar aquí, só nos queda unha cousa para que todas as curiosidades e casualidades pechen o círculo perfectamente. Esa cousa non é outra que a nunca atopada “Acha Marmarica”, “Arcis marmoricis” ou Arca Marmórica. O primeiro texto que fala dela atribúese a León bispo de Xerusalén (825dc) e desde que Teodomiro, despois de rezar tres días, “atopa uns pequenos anacos de mármore” en Compostela, non se sabe máis dos restos do Apóstolo ata que o Cardenal Payá, bispo de Santiago (1875-86), grazas a uns “rumores capitulares e populares” buscaron no trasaltar e alí atoparon o que despois o Tribunal Romano Roma confirmou como os “auténticos ósos de Santiago e dos seus discípulos”. Curioso. Tendo en conta que no século XVIII é a propia Igrexa Compostelá a que realiza a falsificación de un “pórtico medieval” no que se ve a Santiago montando un cabalo na inexistente “Batalla de Clavijo” para non perder as rendas que recibía grazas ao “voto de Santiago”, podemos ver máis claramente cal era o cometido deste invento desde o principio. Sempre foi un negocio para as diferentes igrexas e para as monarquías que se sucederon no tempo.

Pero que fose un negocio para Compostela non quita que, cando isto comezou, xa houbese un xerme do que a todas luces se vía como un negocio, e que os sacerdotes que existiron con todas as culturas coñecían moi ben. E se Compostela utilizou todos os recursos para facer crible o seu relato, poida ser que o auténtico relato sexa outro. Poida ser que os ósos que se buscan nunca estivesen en Compostela. Poida ser que eses famosos ósos sexan de Prisciliano. E se o que se busca son os ósos de Prisciliano dentro de unha “Arca de Mármore”, mellor buscalos na insua de Viastela (por baixo da ermida pasa un gran veta de cuarzo) (18) e saberemos se o bispo que “hai” alí soterrado era verdadeiramente irlandés ou non. Baixo o altar do Mosteiro de Mens tamén é bo sitio para mirar.

Veta de Cuarzo en Corme
Veta de Cuarzo na insua de Viastela

Por investigar non se perde nada. Ou si? Os únicos que poden perder con esta pequena e sinxela investigación son os que durante séculos amasaron fortunas mantendo unha cousa a todas luces fantástica. Seguro que van “remover Roma con Santiago” para seguir mantendo o engano e, sobre todo, o negocio. Imaxino que os que saben, cando falan de que se queren engadir novos Camiños con calzador non están pensando na propia Compostela porque, polo que sabemos hoxe, non houbo calzador máis grande que o utilizado para venderlle ao mundo que Santiago estaba enterrado en Compostela. Con ese calzador calquera Camiño é tan bo como o que eles chaman “cientificamente orixinal” e non imos tardar en ver como aparecerán máis portos e ata aeroportos Xacobeos. Ao tempo. Iso si, Corme e Barizo nunca serán admitidos como fin nin principio de nada a pesar de que o sol, a lúa e os antigos portolanos digan o contrario. Para dar e quitar están os que saben. 
 

Outros artigos de Suso Lista

Novas relacionadas

Comentarios