Un Museo MELGA para recuperar o patrimonio etnolúdico galego
Estase convertindo Ponteceso nunha referencia en clave de museos. E non museos calquera, pois son as dúas últimas iniciativas verdadeiramente innovadoras na Costa da Morte e mais en Galicia. Falamos do Museo de Arte Contemporánea que abría as súas portas o ano pasado en Corme da man da Fundación Torre Pujales. E falamos do Museo Etnolúdico de Galicia (MELGA), o primeiro Museo do Xoguete de Galicia, que se inaugura este venres 17 de setembro ás 18:00h no Centro Cultural de Ponteceso.
É Ricardo Pérez y Verdes o seu maior impulsor, o culpable da impresionante colección de xogos tradicionais. Este amante do xogo atopouse con que non había un decálogo de xogos, así que se botou a investigar. Ten catalogados nada menos que 2.500 xogos, todo un tesouro histórico sen parangón, o mellor xeito de coidar o patrimonio lúdico galego.
O Museo conta con dúas salas de exposicións, que nos achegan ao xogo e aos deportes tradicionais a través de toda clase de obxectos. Cochiños, patíns, bicis, bolos, sellas, peóns, a rá... máis de 250 pezas recollidas por todo o país e que hoxe serven para crear esta xoia, este museo que xa ten sona internacional.
Sen máis, deixámosvos cunha entrevista que os compañeiros de TVE lle fixo ao bo de Ricardo:
Novas relacionadas
- O Museo do xoguete colle sona internacional.
- A arte contemporánea xa ten o seu espazo na Costa da Morte.
- Coidamos na Costa do patrimonio lúdico galego.