Martes. 23.04.2024
El tiempo

Esta nosa Costa do Solpor

Esta nosa Costa do Solpor

Foron moitas as voces que bruaron nestas agrestes soidades laiándose dese maldito alcume de “Costa da Morte” inventado nun pasado próximo onde as compañías de seguros tiveron que afloxar a carteira para pagar grandes sumas de diñeiro a eses armadores adiñeirados que xogaron os barquiños e os naufraxios nesta costa asediada de tempestades e salseiros. A morte foi un suculento lucro para capitáns alcóholicos e compañías extranxeiras que abrigaron as súas naves nos rochedos e baixeiros da nosa fermosísima “Costa do Solpor” para incrementar a liquidez das súas empresas sen ter en conta as tripulacións que afogaron nesta beira noroeste do Atlántico Norte.

A mesma historia repítese o longo de tódolos mares da terra, dende a Finisterre francesa (a Bretaña) ata o Cabo de Hornos (ó sur da Patagonia en Arxentina), o desdichado Triángulo das Bermudas e centos de miles de puntos negros esparcidos por todo o globo terrestre. A gran mentira dese alcume absurdo que ocultaba trala súa maldición funesta a triste realidade do interese das ratas e dos boitres que sempre acompañan as lendas de vello, esas lendas onde a traxedia case sempre ben acompañada dunha letra pequena nun contrato sobre papel mollado afundido nalgún naufraxio pretendido por algún malentendido, nesa ponte de mando, onde, en certas ocasións, o afundimento da carga é obxectivo dun patrón, a rentes da xubilación, cun pé na popa e outro na única balsa salvavidas. Rios de tinta falan destas máxicas sereas mariñas cos seus cantos quiméricos e pulpos xigantes que, co seu abrazo mortal, tronzaban mástiles e cascos de madeira en mares mansiños e días de verán con calma chicha e poucos superviventes. Pero, nesta ocasión, quero falarlles da esperanza e a súa cor prefirida: o verde. Pois en toda Galiza importantes edificios emblemáticos tinguíronse desta cor na honra do noso Olimpo Celta, o monte Pindo, pois as mareas alternativas e os nacionalismos emerxentes apoian os patrimonios naturais máis nosos, un deles é o noso Pindo, símbolo emblemático desta franxa marítima onde o granito desta que, un día foi, primeira illa do Panxea, que agora está pelexando por proclamarse parque natural de interese para toda a nosa Nación galega, ainda que moitos apuntamos que a protección desta paraxe atlántica debería ser de interese europeo como patrimonio histórico, natural, e inmaterial de especial interese para todo o noso continente europeo, por moitos e variados motivos. A loita continúa porque os especuladores andan sobrevoando estes reductos verdescentes da galeguidade xa que o novo sistema macro-económico odia fondamente os patriotismos, as familias, as liberdades e calquera fórmula de unión que poida frear a súa apisonadora xigante que aplasta, día a día, conciencias, esperanzas e desexos. A clave do control mundial asentase nesta meta escura, dura e imparable, que só desexa máis poder e máis diñeiro tal e como sucedeu naqueles naufraxios dos séculos pasados para maior gloria de ricos con falta de máis fondos. E aqui, nesta costa da vida, os nosos devanceiros lanzáronse a tempestade, en gamelas e gabarras, para rescatar a esas tripulacións en apuros sen ollar as cores da bandeira que penduraba dun pao maior con destiño o fondo do fondo do mar. Aqui sempre imperou a unión indivisible das nosas vilas e pobos.

O Castelo de Vimianzo tinguirase de Verde polo Monte Pindo Parque Natural O Castelo de Vimianzo tinguise de Verde polo Monte Pindo Parque Natural

Ogallá que Fisterra, Xallas, Soneira e Bergantiños volten a ser esa costa da vida, unida e feroz, enxebre, rexia e galluda, que foi sempre, unha costa de baleas, lancheiros e mariños, labranza e muiños, vida por tódalas contornas deste País do Solpor onde os grandes armadores undian barcos mentras a nosa xente do mar rescataban vidas sen importar a cor do ceo ou o estado do mar.

Ogallá que tódalas institucións, asociacións, concellos, partidos e persoas de ben, sexan quen de unirse desta volta para rescatar do lume do verán e da posible especulación urbanística dalgún can este monte Pindo noso, símbolo dunha costeira moi viva onde as almas todas da terra enteira partiron sempre cara o outro lado do MARE NOSTRUM para pagarlle o barqueiro esa peaxe precisa para o derradeiro descanso alén da brétema mariña no esquecemento desta fin da terra onde o verde e o azul fan o amor… cada día.

 
  • Óscar de Souto, pintor de follas en branco e autor de Trece Poemas.

Outros artigos de Óscar de Souto

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios