Lausana réndese ao sabor e alma galega nunha nova edición da Sardiñada e Festa do Pemento

A pasada fin de semana, a Cantine de Sauvabelin en Lausana encheuse de sabores, sons e emocións cunha nova edición da Sardiñada e Festa do Pemento, unha cita xa emblemática organizada pola Asociación Cultural Galega A Roda de Lausanne. Este evento, que ano tras ano congrega á comunidade galega residente en Suíza, volveu ser unha mostra vibrante do amor pola terra, as raíces e a cultura de Galicia, vivida intensamente... a beiras do lago Léman.
O irresistible aroma das sardiñas asadas e os pementos de padrón asolagou a contorna da Cantine de Sauvabelin, transformando o bucólico recuncho suízo nunha auténtica romaría galega. Houbo comida en abundancia, con produtos traídos directamente de Galicia, servidos por un equipo de máis de 50 voluntarios e voluntarias entregados e orgullosos de compartir o mellor da súa terra. Os chourizos e o churrasco chegaron desde Santa Comba elaborados pola familia Velo, o 120 kg de pementos de padrón directamente desde Padrón e o 140 kg de sardiñas desde a empresa galega Novamedipesca. Tampouco faltou Estrela Galicia a través da empresa galega asentada en Suíza, Covín.
Máis que unha simple festa gastronómica, esta Sardiñada e Festa do Pemento foi unha celebración colectiva do arraigamento, ese que traspasa xeracións. En Suíza vive a colonia galega máis numerosa de Europa, e dentro dela, unha representación destacada de comarcas como A Costa da Morte, Xallas, Bergantiños, Mazaricos, Tordoia ou Ourense. Moitos dos asistentes xa son fillos ou mesmo netos de emigrantes, nacidos no país helvético, pero profundamente galegos. Demóstrano na súa fala, con seseo ou con gheada, segundo a orixe familiar e, sobre todo, no seu incansable compromiso coa preservación da cultura galega.O evento foi tamén unha gran mostra de irmandamento. Desde distintos recunchos de Suíza chegaron outras asociacións galegas e culturais para sumarse á festa, demostrando que a unión fai a forza e a festa. A Irmandade Galega na Suíza de Xenebra, Galiza Celta de Delémont, Aires de Tordoia, Sementeira de Basilea, Flamenco Perujo Ao-Andalus e, por suposto, os anfitrións da Roda de Lausanne, ofreceron un repertorio inesquecible de música e baile tradicional. Ataviados con traxes típicos e coa emoción a flor de pel, os grupos fixeron vibrar ao público con muiñeiras, xotas e pasodobres, creando unha atmosfera máxica que transportaba directamente a unha aldea galega en plenas festas patronais.
O grupo galego Axeigo ofreceu a súa arte no escenario, ofrecéronse talleres de iniciación ao baile tradicional que fixeron as delicias de grandes e pequenos e o broche moderno púxoo o vigués DJ Anxo Silva, quen coa súa enerxía e conexión única co público, fixo que a festa continuase ata ben entrada a madrugada ao ritmo dos sons máis actuais.
Un exemplo de compromiso e orgullo
A Asociación A Roda de Lausanne volveu demostrar que con esforzo, paixón e sentido de comunidade, pódense facer cousas extraordinarias lonxe da terra natal. O seu labor é un exemplo de traballo altruísta, de cultura viva e de integración positiva. Conviven e colaboran con outras comunidades españolas e internacionais, sumando diversidade sen perder identidade. Esta Sardiñada e Festa do Pemento non só alimentou corpos senón tamén almas. Foi unha xornada para celebrar o que se é, lembrar de onde vén e mostrar, unha vez máis, que Galicia vive e brilla tamén na diáspora.
“Esta festa leva celebrándose 25 anos. *É unha ocasión para xuntar aos diferentes grupos de Suíza e a xente que bota de menos a súa terra. Vos nosos socios son vos que fan posible todo isto. Son máis de 50 persoas que traballan sen descanso e con ilusión para que todo saia ben. Sen eles, sería imposible. Tamén quero agradecer aos nosos provedores e, a todos vos participantes por confiar na nosa organización, aos grupos de Galicia por contribuír a seguir sumando nun país como Suíza e aos artistas que dan ou millor de si para que sexa un éxito” declarararon desde A Roda.