Santa Comba convertirase nun Museo Urbano de Rochas
Está tendo continuidade a iniciativa veciñal de impulsar unha atención especial á diversidade xeolóxica de Santa Comba. Este pasado sábado 9, desenvolveuse un novo paso na difusión e promoción do seu patrimonio natural coa celebración do Geolodía 2026, unha actividade de divulgación científica que reuniu a máis de 60 persoas chegadas desde distintos puntos de Galicia e Asturias.
A celebración desta cita organizada pola Sociedad Española de Geología, permitiu ás persoas participantes visitar lugares emblemáticos como a Fervenza de Castriz, a Braña da Serra, as Minas de Varilongo ou a Capela de San Bartolomeu, nun percorrido guiado polo xeólogo Fran Canosa para descubrir máis de 500 millóns de anos de historia xeolóxica do territorio.
Novo Museo
A gran novidade desta edición foi o anuncio da creación do primeiro Museo Urbano de Rochas, unha iniciativa pioneira impulsada pola veciñanza en colaboración co Concello de Santa Comba que converterá o municipio nun referente nacional da divulgación xeolóxica ao aire libre, integrando diferentes minerais e rochas singulares do territorio en espazos verdes e zonas urbanas do núcleo da vila.
O futuro museo a ceo aberto permitirá achegar a xeoloxía á cidadanía dun xeito accesible e didáctico, convertendo distintos puntos do municipio nun espazo aberto para descubrir e interpretar a historia xeolóxica da Terra de Xallas.

