Mércores. 24.04.2024
El tiempo

Santa Comba exporta as súas 4 rutas de sendeirismo en Fitur

  • O Concello, que prepara unha xornada de pesca para febreiro, participou nunha visita da Xunta á Asociación Deportiva de Pesca Santa Comba-Xallas
  • Completa a información en: A Costa da Morte bombardea FITUR.
Visita da Xunta aos rios de Santa Comba
Xusto hoxe a Xunta realizou unha visita ao río Xallas
Santa Comba exporta as súas 4 rutas de sendeirismo en Fitur

”Falar de Santa Comba é falar de natureza”. E así vaise deixar ver en Fitur, onde a expedición xalleira quere poñer en valor fragas e os ríos que nacen arredor do Xallas, e que se poden disfrutar nas súas 4 rutas de sendeirismo:

Rutas de sendeirismo

Santa Comba na FITUR

Unha das andainas máis bonitas é a ruta da fervenza de Castriz, de dificultade fácil, lineal e con unha distancia de 13,72 quilómetros. Está marcada pola auga. Os que queiran disfrutar dun agradable paseo partirán da histórica escola de Bazar para percorrer os distintos regatos ata atopar as mámoas coñecidas como Pedra Fornalla e seguir a senda marcada polas árbores ata verse sorprendidos pola beleza da fervenza de Castriz e o seu entorno, con case unha decena de muiños rehabilitados de preto de 300 anos de antigüidade.

A senda de Xesteira-Guisande, circular, con unha dificultade moderada e de 13,21 quilómetros, permitirá gozar das paisaxes máis limpas, da antiga presa de Xesteira e do son do río Xallas e o contacto con especies arbóreas autóctonas e de ribeira.

Tamén marcada polo río está a ruta da praia fluvial de Esmorode, circular, de dificultade moderada e 10,16 quilómetros. A metade do traxecto discurre polas beiras do río Xallas coa posibilidade de descansar á sombra de centenarios carballos.

E para completar a presenza das sendas de Santa Comba en Fitur, vaise promocionar tamén a Ruta do wolfram, marcada pola mina de Varilongo. Circular, de dificultade moderada e de 8,95 quilómetros, ofrece boas vistas e unha ruta histórica polo enclave mineiro.

Xornada de pesca

E mentras en Madrid van coñecer o contacto coa natureza que define a Santa Comba, a localidade xalleira xa ten todo preparado para celebrar unha xornada de pesca que tamén incidirá no respecto ó medioambiente. Baixo a organización do Concello, será o 12 de febreiro no edificio multiusos desde as dez da maña e ata as portas da noitiña.

Abrirán esta iniciativa os relatorios de Fernando Cobo, profesor titular de Bioloxía na Universidade de Santiago e presidente da Asociación Galega de Investigadores da Auga, ademáis de membro de numerosos proxectos a nivel mundial, e de Pepe Casal, presidente da Asociación Galega de Sociedades de Pesca e do Club Tambre, ademáis de membro do Consello Galego de Pesca.

Completa a actividade un obradoiro de montaxe que contará coa presenza de tres especialistas en mosca seca, Alberto Mera, Alex Puente e Arturo Alonso; un experto en mosca afogada, Fernando Comba; dous virtuosos dos peixes artificiais, Kike Veiga e Juan Vázquez Platas; e tres montadores de moscas de salmón, Paco Porto, Antonio Vilariño e José Antonio Vinuesa. Hai que sumar ademáis unha exposición de ninfas de troita, reo e salmón.

Todos eles, dos que seis pertencen ao colectivo Artesáns da Pesca dende hai máis de dez anos, son figuras de primeiro nivel no eido da montaxe en Galicia e a gran maioría deles xa teñen acadado un prestixio fóra pola súa participación en grandes eventos como pode ser a Feria do Salmón de Asturias na que as súas creacións concitan as mellores criticas do sector.

Axudas da Xunta

Xusto hoxe coincidiu a visita da conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda a Santa Comba para manter unha reunión coa Asociación Deportiva de Pesca Santa Comba-Xallas para coñecer o labor que realiza coas axudas de 12.000 euros que lle deu para actividades divulgativas e vixilancia fluvial.

A Xunta aproveitou para anunciar estas axudas para entidades de pesca de toda Galicia.

Comentarios