Venres. 29.03.2024
El tiempo

Santa Comba recupera a xornada de pesca fluvial con obradoiros e conferencias

Imaxe dunha xornada de pesca antes da pandemia
Imaxe dunha xornada de pesca antes da pandemia
Santa Comba recupera a xornada de pesca fluvial con obradoiros e conferencias

A pesca fluvial ten unha singular expresión na comarca do Xallas, un río con un selo propio que o configura como un referente que ademais é inmensamente atractivo para os deportistas da cana. É un dos ríos troiteiros máis recoñecidos e querido polos pescadores, moitos deles veciños de Santa Comba, polo que o Concello se animou a organizar unha xornada técnica, a primeira dende que comezou a pandemia en toda Galicia, que se intentará que teña continuidade en anos próximos.

Faino ás portas do comenzo da tempada de pesca fluvial, este sábado 12 de febreiro, a partir das 10:00 da mañá. O edificio multiusos da capital xalleira acollerá esta xornada organizada polo Concello con relatorios e obradoiros.

Inaugurará a xornada a alcaldesa, María Pose, en compañía da concelleira de Deportes, Silvia Cancela, e do coordinador da actividade, Javier Silvariño, quen darán paso ás conferencias matinais do relator da Lei de Pesca e presidente da Asociación Galega de Sociedades de Pescadores, Pepe Casal, nunha intervención titulada ‘A pesca continental na encrucillada’, e do profesor de Bioloxía da Universidade de Santiago e presidente da Asociación de Investigadores da Auga, Fernando Cobo, quen disertará sobre ‘A xestión da pesca sostible’.

A xornada tamén contempla un obradoiro de montaxes e reclamos de pesca e unha exposición de ninfas de troita, reo e salmón, que serán moi do agrado de todos os asistentes, que ademáis poderán interactuar cos artesáns, que están considerados entre os máis cualificados de Galicia.

A partir das 16:30h da tarde atenderán ó público Alberto Mera (mosca seca), Arturo Alonso (mosca seca), Alex Puente (mosca seca), Fernando Comba (mosca afogada), Quique Veiga (peixes artificiais), Juan Vázquez Platas (peixes artificiais), Paco Porto (moscas de salmón), José Antonio Vinuesa (moscas de salón) e Antonio Vilariño (moscas de salmón).

Estes nove montadores, seis deles membros de colectivo Artesáns da Pesca, que ten a Carta de Artesán da Xunta de Galicia desde hai máis de dez anos, son figuras de primeiro nivel no eido da montaxe en Galicia e a gran maioría xa teñen un gran prestixio fóra pola súa participación en grandes eventos como pode ser a Feria del Salmón de Asturias, a Feria Sidenatur en Portugal, a Feria del Salmón de A Estrada ou o Salón de Caza e Pesca de Pontevedra.

xornada tecnica Pesca Santa Comba

 

Comentarios