Santa Comba sumérxese nun deserto de auga
Este pasado mércores, o Museo Terra do Xallas de Santa Comba acolleu inauguración da exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel. Unha mostra que forma parte do proxecto «Corrente cultural», creado entre ABANCA, Afundación e o Concello de Santa Comba, para levar a cultura dende as cidades ata as vilas.
A mostra, que permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 3 de novembro (de luns a sábado en horario de 10.30 a 13.30 h e de 16.30 a 18.30 h), realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a conca do lucense río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia de auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas.
A exposición chega gracias s á colaboración entre o Concello de Santa Comba, ABANCA e Afundación, institucións que estiveron representadas no acto coa presenza do alcalde do Concello de Santa Comba, David Barbeira; o coordinador de Banca Institucional de ABANCA na Coruña, José Manuel Vilariño; o director de zona Costa da Morte de ABANCA, Víctor Escarís; o director de oficina de ABANCA de Santa Comba, David Suárez; e a coordinadora da Área de Cultura de Afundación, Marité Cores.