Martes. 23.04.2024
El tiempo

A alcaldesa de Vimianzo solicita ampliar as prazas da escola infantil e a vivenda comunitaria

ANA LAMAS VIMIANZO
A alcaldesa de Vimianzo solicita ampliar as prazas da escola infantil e a vivenda comunitaria

Achegouse ata Vimianzo a deputada de Benestar Social Ana Lamas, para coñecer de primeira man o funcionamento da escola infantil, que conta con 61 nen@s, e da casa comunitaria de maiores, que coida a 12 persoas. Coa alcaldesa Mónica Rodríguez como anfitrioa, Lamas puxo ao Concello de Vimianzo como exemplo de xestión en servizos sociais.

Quixo lembrar que Vimianzo recibiu 215.803 euros do Plan Único Social, dos que 10.000 euros foron dedicados a axudas económicas, 10.000 a subvencións escolares, 202.419 a reforzar o servizo de axuda no fogar (SAF) e 10.000 a servizos para facilitar a conciliación. O ente provincial financiou 8.000 horas do SAF e a contratación dunha educadora social e dous administradores educativos.

Non desaproveitou a ocasión a alcaldesa e solicitou novas melloras, sobre todo no transporte e traslado á escola infantil para dar un mellor servizo ás familias na recollida da rapazada. Tamén notificou que “agora mesmo, despois da ampliación de 20 prazas, a escola infantil conta cun total de 61 nenos e nenas, pero está ao 100% das súas capacidades”, informou Rodríguez. “Iso preocúpanos, queremos seguir medrando, polo que é necesario valorar a posibilidade de facer unha nova escola”, argumentou.

Rodríguez tamén pediu ampliar ata 24 as prazas da vivenda comunitaria e convertila en fogar.

Lamas comprometeuse a estudar as demandas.

Comentarios