O Castelo de Vimianzo arrinca o Período Irmandiño e inaugura a Mostra de Artesanía en Vivo
O Castelo de Vimianzo acolleu esta mañá o acto de baixada do pendón dos Moscoso, un dos momentos máis simbólicos do calendario cultural vimiancés. Desde hoxe xa loce na Torre da Homenaxe a icónica cabeza de lobo da liñaxe dos Moscoso, sinal inequívoco de que comeza a conta atrás para unha nova edición do Asalto ao Castelo, que se celebrará os días 3 e 4 de xullo.
No acto participaron a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez; o deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Lois Penas; e representantes das asociacións Cherinkas e Axvalso, entidades implicadas na organización desta festa de recreación histórica. A colocación do pendón marca oficialmente o inicio do Período Irmandiño, que culminará coa representación do ataque popular á fortaleza.
Mostra de artesanía en vivo

A xornada serviu tamén para inaugurar unha nova edición da tradicional Mostra de Artesanía en Vivo, que poderá visitarse no Castelo de Vimianzo do 16 de xuño ao 15 de setembro, en horario de 10:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:30 horas.
A mostra constitúe unha oportunidade para achegarse aos oficios tradicionais, á creación artesanal e aos produtos locais, convertendo o castelo nun escaparate vivo do patrimonio cultural e etnográfico da comarca.Ademais, ao longo do verán desenvolveranse obradoiros artesanais todos os sábados, unha iniciativa que busca achegar a artesanía á cidadanía e fomentar o coñecemento e a transmisión dos oficios tradicionais entre públicos de todas as idades.
A programación inaugural completouse coa apertura da exposición temporal “O liño ten futuro?”, promovida pola Asociación Amigos do Liño, e cun desfile de complementos elaborados con esta fibra natural, poñendo en valor a súa vixencia, sustentabilidade e potencial creativo.
O Concello de Vimianzo quere expresar un especial agradecemento a todas as persoas que participaron no desfile e nas demostracións do proceso tradicional do liño, facendo posible unha actividade que puxo en valor este importante patrimonio cultural. Un recoñecemento que se fai extensivo ao grupo Teté Teatro e á Meiga do Castelo, que contribuíron a enriquecer a inauguración coa súa participación.
Así mesmo, cómpre recoñecer a labor de Carmen Riveiro, presidenta da Asociación Amigos do Liño, na coordinación desta actividad, así como o seu compromiso coa conservación e difusión da cultura do liño, unha tradición fondamente vencellada á identidade e á memoria colectiva do noso territorio.