Venres. 11.10.2024
El tiempo

Arranca a XI ruta dos pinchos irmandiños

Arranca a XI ruta dos pinchos irmandiños
Agora si. Vimianzo ole a Asalto e nunca mellor dito porque hoxe arranca a XI ruta dos Pinchos Irmandiños, unha das actividades estrela do Asalto ao Castelo. Nesta edición, son 17 os locais colaboradores que ofrecerán por 1,5€ un pincho irmadiño na que os ingredentes empregados son posteriores ao descubrimento de América. Dezasete propostas diferentes poderanse degustar nesta undécima edición desde as 12:00 ás 15:00 e á tardiña das 19:00 ás 23:00 (horario mínimo). O equipo formado polo historiador Jorge Guitián e a experta gastrónoma Ana Mayer asesoran o traballo dos hostaleiros, velando polo rigor histórico e por unha maior calidade no certame. Locais Os puntos de servizo de petiscos distribúense por toda a vila. Son Restaurante Edreira, Restaurante Pastoriza, Parrillada Montevideo, Cervexería Risco, Bodegón A Lareira, Café Bar Luma, Bodegón O Petouco, O Agocho, Dialma Coffee & Lounge, Perla, Celme Café, Café Bar A Rúa, Pizzería Hilton, Cervexería Quilmes, Casa Sabina, Restaurante Via Rápida e o Restaurante O Castillo. A orixinalidade da proposta segue radicando ademais no nome dos pinchos, que tamén gardan relación coa historia dunha maneira humorística. Concurso do Mellor Pincho Nesta edición hai varias novidades en canto ao concurso do Mellor Pincho. Trala valoración previa realizada por parte da asesoría Guitián&Mayer, pola que xa tiveron que pasar as propostas presentadas, haberá agora un dobre xurado que decidirá o mellor pincho: un anónimo que irá realizando a ruta comprobando que a calidade é sempre óptima durante toda a semana, e o xurado popular que deberá probar todos os pinchos para que sexa válido o seu voto. Este xurado popular poderá votar a través da nova aplicación móbil ou no sistema máis tradicional dos cartóns. Haberá agasallos irmandiños, até fin de existencias, para os que completen algunha destas rutas selando no cartón (a pedir nos locais) ou na App (Pinchos Irmandiños Vimianzo): Ruta Mínima (9 selos) e Ruta Total (os 17 selos). A cartolina terase que depositar, cos datos de contacto cubertos e coa valoración de todos os pinchos selados, nunha das urnas dos seguintes locais: Bodegón A Lareira, Celme Café, Café Bar A Rúa e Casa Sabina. Os que finalicen algunha das rutas a través da APP poderán recoller o seu agasallo nun dos locais mencionados anteriormente, acompañado do móbil. Canto ao selado na APP unha vez completado un mínimo de 9 pinchos poderase facer o rexistro no concurso. Ademais, entre os que completen calquera das rutas sortearase un lote de produtos Mahou en función do peso da persoa gañadora. Por outra parte, continúa aberto o prazo para inscribirse nas actividades paralelas do Asalto tales como a feira de artesanía e o concurso de fachadas.

Novas relacionadas

Fonte

Comentarios