O BNG de Vimianzo pide axilizar o PXOM

Ademais de levar a problemática situación da vivenda ao último pleno, o BNG de Vimianzo tamén defendeu diversas iniciativas como a elaboración dun Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), que consideran unha prioridade ineludible para garantir un urbanismo ordenado e eficiente.
Así mesmo, o BNG propón a exención do imposto do lixo e da auga para os negocios afectados polas obras en diversas rúas, como Castelao, Antonio Vázquez Mouzo, Evaristo Martelo Paumán e Candil, co obxectivo de compensar as perdas económicas derivadas das intervencións municipais.
Outra das demandas trasladadas ao goberno local foi a mellora do Campo da Feira na Piroga, un espazo que a propia veciñanza acondiciona diariamente pero que require intervencións urxentes.
No ámbito do benestar animal, os nacionalistas alertaron sobre a proliferación de gatos urbanos e lembraron á alcaldesa a obriga municipal de desenvolver políticas de protección animal, en particular, a esterilización destes animais para un control efectivo da poboación felina.
Por último, o BNG cuestionou o goberno local sobre o estado da nova Relación de Postos de Traballo (RPT) da Administración municipal e subliñou a urxencia de negociar un novo convenio colectivo.