Venres. 03.05.2024
El tiempo

Carballo e Vimianzo teñén xa as artistas seleccionadas para as Residencias Paraíso 2024

Sergio Marey estara na Residencia Artistica de Vimianzo
Sergio Marey fará a súa Residencia Artistica de Vimianzo
Carballo e Vimianzo teñén xa as artistas seleccionadas para as Residencias Paraíso 2024

As Residencias Paraíso –un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro en Galicia– contan xa coas e cos artistas seleccionadas e seleccionados para a súa oitava edición, que se desenvolverá ao longo deste 2024 en nove espazos de toda Galicia. Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia– ven de seleccionar a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán - vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’. 

A comisión encargada da selección de proxectos destas Residencias Paraíso 2024 estivo formada por un total de cinco profesionais do sector: Bea Fernández (artista e responsable de La Poderosa en Barcelona), Bal Castro (artista galego, artista Paraíso 2023), Lola Correa (comisaria independente galega), Félix Fernández (artista e co-coordinador de Residencias Paraíso) e Caterina Varela (artista e directora de Residencias Paraíso). 

O programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acollerá 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e outubro de 2024 en varios espazos do país, entre os que están o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, ademais o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia.
Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro de 2024 na Illa de San Simón. 

PROXECTOS SELECCIONADOS NAS RESIDENCIAS PARAÍSO 2024

Neste 2024, o programa ábrese nun novo espazo colaborador, a Casa da Cultura de Vimianzo. Alí, Sergio Marey levará a cabo unha residencia de creación para o seu proxecto Todo o mundo é contra min-eh, para a construción dunha peza performativa a partir do seu propio ensaio de investigación sobre o colectivo LGBTIQA+ na música tradicional galega publicado en 2023. Sergio Marey propón unha reflexión sobre a importancia de mirar ao folclore galego desde unha perspectiva queer, reinvidicando a nosa cultura popular como un espazo de liberdade.

O investigador cubano afincado en Madrid José Ramón Hernández / Osikán - vivero de creación mergullarase no seu proceso de creación titulado Eyilá ashé ebbora - archivo vivo de resistencia no Pazo da Cultura de Carballo. É un proxecto de creación escénica que explora a espiritualidade como potencia política para a transformación social. Inspírase nos saberes subalternos das persoas afro, trans, racializadas e migrantes do sur global e os feminismos negros que se están producindo en España.

O proxecto Residencias Paraíso, impulsado por RPM, é un programa interinstitucional que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia. 

Comentarios