"A causa do Castelo", a nova actuación teatralizada para lembrar a memoria da representación en Soneira

O vindeiro sábado 23 de xullo a partir das 22:00h no patio do castelo de Vimianzo celebrarase un acto de memoria histórica. O acto, organizado conxuntamente por Asociación de Memoria Histórica Perfeuto López, Seminario de Estudios Comarcais da Costa da Morte, Asociación Axvalso e Asociación Cherinkas, leva por título titulado "A causa do Castelo" e será teatralizado por Tero Rodríguez (De Os Quinquilláns), e musicado por Orjais e Barahunda.
Nel abordarase o relato do acontecido no concello de Vimianzo tras acudir a corporación republicana a tomar posesión da expropiación do castelo o día 22 de xullo de 1936, acompañados de un grupo numeroso de cidadáns defensores da legalidade republicana fronte ao golpe militar do 18 de xullo. Este feito supuxo a instrución de un xuízo militar sumarísimo a moitas persoas que significou o fusilamento do Secretario municipal, Andrés García Ferreiro, a fuxida e agocho durante 15 anos do alcalde José Alborés “ O Cordas” e o “paseo” do seu irmán Manuel Alborés asasinado nunha gabia preto de Arzúa, descoñecéndose onde se atopan os seus restos. Tamén supuxo o agocho e morte do concelleiro Manuel Vidal, de Pasarela e a fuxida e agocho durante moito tempo do funcionario municipal Federico Lamela, así como doutros cidadáns, ademais do encarceramento e torturas a un grupo de veciños e veciñas de Vimianzo, e mesmo a poxa dos seus bens.