"A cidadanía pode realizar de forma dixital o 90% das xestións administrativas"

Achegouse a Vimianzo a subdelegada do goberno en Coruña, María Rivas, para presentar o programa ‘A Administración Cerca de Ti’. Un plan que consta de sesións informativas prácticas para concellos de menos de 8.000 habitantes, impartidas por persoal da Subdelegación do Goberno, do SEPE, a Dirección Xeral de Tráfico e a Seguridade Social, para axudar a veciñanza a achegarse ás administracións a través das novas canles dixitais. Un programa necesario, e seguramente insuficiente, para loitar coa fenda dixital aberta, sobre todo coas xeracións máis lonxevas.
A sesión serviu para informar de que a día de hoxe a cidadanía pode realizar de forma dixital o 90% das xestións administrativas, desde trámites básicos como as prestacións, o pagamento de impostos, permisos de condución, aboamento de taxas públicas, solicitudes de axudas ao estudo ou certificados de vida laboral, ata a solicitude de subvencións, que en moitos dos casos só se pode xestionar de xeito telemático.
"O obxectivo é que calquera persoa, dende o móbil ou a computadora, poida acceder de maneira sinxela a todos os servizos que ofrece a administración sen ter que desprazarse aos grandes núcleos de poboación", explicou Rivas, quen apuntou que nas visitas, ademais de
facilitar a expedición do certificado dixital, que serve de chave ás plataformas dixitais da Administración, o persoal informa dos procedementos e a asistencia técnica accesible.
Rivas invitou aos concellos pequenos a solicitar estas xornadas formativas, lembrando que na primeira edición, xa estivo en 63 concellos, chegando a expedir 981 certificados dixitais.
Esta semana visitan Carnota.