O Concello de Vimianzo explica os diferentes procedementos contractuais de varios servizos sociais municipais
O Concello de Vimianzo celebrou onte unha rolda de prensa na Vivenda Comunitaria para dar conta do estado do proceso de contratación dos servizos municipais de vivenda comunitaria, comedor, lavandería sobre rodas e Escola Infantil Municipal, así como da situación vivida nos últimos meses tras o abandono da empresa concesionaria anterior.
A alcaldesa destacou que este proceso supuxo “semanas de enorme dificultade, tanto no plano profesional como persoal”, despois de que a empresa concesionaria que xestionaba estes servizos dende 2005 anunciase, o 18 de febreiro de 2026, o abandono da actividade. Unha situación que afectaba a 170 persoas usuarias e 33 traballadoras, de aí a necesidade de desenvolver un cambio intentando garantir a continuidade dos servizos esenciais e protexer ás traballadoras.
O contrato: orixe, duración e avaliación
Ata este mes de febreiro, segundo explicou a alcaldesa, non existían argumentos legais suficientes para iniciar os trámites necesarios para a contratación dunha nova empresa que afrontara a xestión dos diversos servizos.
E iso que o contrato de xestión dos servizos foi formalizado en febreiro de 2005, cunha duración inicial de 16 anos, e coa posibilidade de prórroga ata un máximo de 20 anos, en función da calidade do servizo prestado.
En febreiro de 2021, elaborouse un informe técnico de avaliación da calidade, no que se concluíu que: Máis do 95 % dos indicadores superaban os 8 puntos, en moitos casos acadábanse valoracións superiores aos 9 puntos.
Estes resultados motivaron a xustificación da prórroga máxima de 4 anos, conforme aos criterios establecidos no contrato, polo dende o Concello entenden "a situación non foi consecuencia da inacción municipal, senón do: incumprimento, irresponsabilidade e abandono de servizos esenciais por parte da empresa saínte”.

Actualización dos prezos
A realidade é que tamén que os prezos dos servizos foron actualizados ao longo dos anos conforme ao IPC, pasando, por exemplo:
- A vivenda comunitaria de 850 € no 2005 a 1.917,05 € mensuais na anualidade 2026.
- O comedor sobre rodas de 6 € no 2005 a 11,66 € por menú (+2,24 € transporte) na anualidade 2026.
- A lavandería sobre rodas de 3 € no 2005 a 4,74 € por lavado (+2,24 € transporte) na anualidade 2026.
- A escola infantil de 250 € no 2005 a 552,60 € mensuais na anualidade 2026.
Unha licitación complexa
Dende o abandono da anterior empresa concensionaria, o Concello asumiiu directamente os gastos para que non afectase aos servizos, formulando unha licitación de catro servizos distintos pero interdependentes.
A elaboración do estudo económico e dos pregos, encargados desde o mes de febreiro 2025, viuse dificultada pola falta da remisión completa da documentación por parte da empresa saínte, e ademais o primeiro proceso de licitación quedou deserto. Ao día seguinte, o Concello iniciou un novo procedemento, que foi finalmente adxudicado á empresa Galicia Vella, formalizándose o contrato o 8 de abril de 2026.
Así, xa cos servizos restablecidos, o 17 de abril abonáronse todas as débedas ás traballadoras, saldando as débedas coas traballadoras, e o Concello anunciou que está a preparar accións legais para reclamar as responsabilidades derivadas da xestión da empresa anterior, co fin de defender os intereses da veciñanza.
A rexedora agradeceu ao persoal municipal implicado, en especial a Sandra Abeijón, e de maneira especial, ás traballadoras dos servizos. “Foron elas quen, nos momentos máis difíciles, garantiron con profesionalidade e humanidade a atención ás persoas maiores e á infancia”.