Mércores. 20.01.2021
El tiempo

COVID: Vimianzo pon o foco nos clubs

  • A Residencia de Maiores DomusVi de Vimianzo rexistrou dous novos falecidos diagnosticados con COVID.
Imaxe nocturna de Vimianzo
Imaxe nocturna de Vimianzo
COVID: Vimianzo pon o foco nos clubs

Á espera de concretar os detalles na rolda de prensa de hoxe, parece que a Xunta volve poñer o foco na hostalería. Así o avanzaba esta pasada noite trala reunión do Comité Clínico, sinalando que a hostalería de toda Galicia terá que pechar ás 18:00h. Non así os Centros Comerciais, que seguirán abertos e sen apenas restricións.

Por Vimianzo, a situación segue sendo insostible. Son 139 casos activos (100 novos casos nos últimos 14 días), e o gromo da residencia impedindo que se poida ademais desenvolver a campaña de vacinación na mesma.

Deste xeito, o Concell ven de decidir reforzar a vixilancia nos cafés-cantantes (aínda existe esta figura para denominar os clubs), pedindo colaboración á Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade, e contando coa axuda da Garda Civil e a Policía Local para controlar a contorna destes establecementos.
Faino tras varias queixas da veciñanza de Vimianzo e Castrelo, que denunciaron ao consistorio situacións irregulares. “As queixas que nos traslada a veciñanza son moi preocupantes, por iso desde o Concello estamos a tomar todas as medidas que están nas nosas mans para vixiar estes lugares” indica a alcaldesa do municipio, Mónica Rodríguez.

Por iso, o equipo de goberno local reuniuse en varias ocasións nesta semana coa subdelegada do Goberno na provincia, Pilar López-Riobóo, e co coronel Francisco Javier Jambrina, xefe da Comandancia da Garda Civil da Coruña, para analizar as actuacións necesarias. O Concello xa está tomando medidas ao respecto. Ao longo destes días a Garda Civil está a facer controis na zona e xa hai varias denuncias rexistradas. Tamén se suma á vixilancia continua a Policía Local.

Dous novos falecidos na Residencia

A situación na residencia DomusVi de Vimianzo segue sendo crítica, e neste comezo de semana xa foron dous os novos falecidos diagnosticados de COVID, con patoloxías previas. O luns era un home de 95 anos e onte unha muller de 84.

Son xa 7 nesta última vaga.

Novas relacionadas

comentarios