Este domingo, Vidal Romaní comandará unha xornada de sensibilización ambiental sobre a riqueza xeolóxica en Pasarela
A Escola de Pasarela (Vimianzo) será o punto de inicio o vindeiro domingo 26 de abril dunha xornada de sensibilización ambiental centrada na riqueza xeolóxica da Costa da Morte. A actividade dará comezo ás 10:30 horas e está aberta ao público interesado en coñecer máis sobre o patrimonio natural do territorio.
A iniciativa, integrada no proxecto Sabor a Mar con R pola Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte (APTCM), busca poñer en valor os recursos xeolóxicos da comarca como elemento clave para o desenvolvemento dun turismo sostible e de calidade.
O evento estará conducido por Juan Ramón Vidal Romaní, catedrático emérito de Xeoloxía da Universidade da Coruña e académico numerario da Real Academia Galega de Ciencias, unha das figuras máis recoñecidas no estudo da xeoloxía galega.
A programación inclúe unha saída de campo baixo o nome Roteiro dos Penedos, que comezará ás 11:15 horas desde Vimianzo, permitindo ás persoas participantes coñecer in situ formacións rochosas singulares e comprender os procesos xeolóxicos que deron lugar á paisaxe característica da Costa da Morte. A xornada rematará arredor das 13:45 horas coa chegada á contorna de Traba, no concello de Laxe.



