A empresa de pensos Agrosoneira recibiu 328.000€ do GDR
Recibían este venres unha visita institucional na nave da empresa Agrosoneira. A directora de Agader, Inés Santé, e o xerente do GDR Costa da Morte, Jose Antonio Viña, quixeron dar conta do que serven as axudas por valor de 328.000€ para unha peme como a vimiancesa.
Un investimento que mobilizou preto de 1 millón de euros que, segundo a Xunta, consolidou case unha vintena de postos de traballo da fábrica emprazada en Vimianzo.
A última axuda concedida a Agrosoneira -sobre un orzamento aceptado de 59.890 euros- foi de 16.050 euros, para abordar a ampliación das celas destinadas aos correctores, que son os complementos vitamínicos que buscan corrixir as deficiencias nutricionais dos animais. Con esta medida, perséguese incrementar a capacidade produtiva de pensos feitos a medida, de xeito que se poidan elaborar de modo automático garantindo a súa correcta formulación. Tamén mellorar aspectos de control e sanitarios á hora da dosificación precisa dos correctores.