Venres. 29.03.2024
El tiempo

Liño e Mel para a fin de semana vimiancesa

2021_CASTELO_desfile_linho
Liño e Mel para a fin de semana vimiancesa

Esta fin de semana Vimianzo terá dous eventos singulares, relacionados coa tradición.

Desfile do liño

O patio de armas do Castelo de Vimianzo acolle este venres, ás 19:00h, un Desfile do liño que servirá para clausurar o compendio de actividades de Artesanía en vivo que se desenvolveu no patio de armas da fortaleza soneirá.

O acto, organizada pola Asociación de Amigos do Liño de Galicia, que preside a artesá Carmen Riveiro, será conducido pola xornalista vimiancesa Alba Mancebo, e participarán modelos vimianceses e de toda a Costa da Morte, que se vestirán coas pezas elaboradas polas artesás de Vimianzo no Castelo.

Ruta do Mel

Para o domingo, 12 de setembro, chega a derradeira andaina do programa Recunchos 2021 coa Ruta do Mel, mediante a cal se poderán contemplar ata unha ducia de alvarizas situadas no Monte Faro.

Seguindo o curso do rego das Borrallas, o rego Mourelos e o rego do Monzo, poderán ser descubertas algunhas destas estruturas, que nalgún tempo fixeron deste monte un dos máis ricos da comarca en produción de mel. Algunhas destas estruturas aínda están en uso e nelas pódense observar as colmeas. Destacan sobre as demais, polo seu tamaño, as alvarizas de Fulías, a de Lucas e por riba das demais, a de Corzón das Pasantes: unha estrutura lineal de máis de 40 cámaras que supera os 50 metros de lonxitude.

As inscricións péchanse este venres 10 de setembro, e pódense facer efectivas a través da seguinte ligazón.

Comentarios