O alcalde de Vimianzo critica a actitude partidista da Policía Local
07:15 10/12/15
Dende a negociación dos novos horarios todos os integrantes da Policia Local, expecto un, están de baixa laboral
"Non é normal que a Policía Local pretenda ter o triple de vacacións que o resto de funcionarios e non respecte as decisións da Alcaldía para racionalizar o seu traballo de tal xeito que signifique menos custes e menos perdas de tempo para o Concello". Así de claras son as declaracións do equipo de goberno do concello de Vimianzo con respecto ao corpo de policía que, segundo indica o alcalde vimiancés, Manuel Antelo, "está instrumentalizado pola oposición para crear problemas co concello".
Recentemente, a Alcaldía de Vimianzo negociou cos membros que compoñen a Policía Local unha ampliación dos horarios durante as fins de semana que, segundo indican dende o concello, "lles corresponde facelo como corpo especial de funcionarios dedicados a labores de policía municipal". Unha vez postos en marcha os novos horarios dáse a casualidade que a maior parte dos policías locais están de baixa laboral, contando nestes momentos cun único efectivo.
Dende o concello explican que o cambio negociouse co fin de reducir o exceso de servizos extraordinarios que recortaban o tempo de traballo ou significaban un custe económico importante para as arcas municipais ao ter que pagarllo como horas extras. "Para non ter que pechar o servizo de Policía Municipal o alcalde optou por remunerarlle os servizos extraordinarios. Non é de recibo que a Policía Local goce dun periodo a maiores das vacacións a conta dos servizos extraordinarios", aseguran os nacionalistas vimianceses.
Ademais desta situación, o alcalde manifesta o descontento co que califica como unha "policía local partidista, que se implicou activa e publicamente na campaña electoral das eleccións municipais a favor dos Independentes". O rexidor entende que o único que buscan é crearlle problemas ao goberno municipal en lugar de cumprir co seu traballo "que é para o que lle paga a cidadanía de Vimianzo".
"Ao igual que a oposición a Policía Local recurre tamén a xudicializar a vida laboral con ánimo desestabilizador. Hai que lembrar que o xefe da Policía Local é o marido de Mónica Rodríguez Ordoñez, sobriño político do anterior alcalde, que goza de 12 horas libres pagadas polo concello para, supostamente, facer labores sindicais", indica Manuel Antelo.
Dende o goberno municipal opinan que con esta actitude o equipo que forma a Policía Local perde credibilidade e a veciñanza percibirá o "evidente deterioro" do servizo. Por este motivo e co fin de garantir a seguridade dos veciños e veciñas do concello, o alcalde asegura que procederá a dar as pertinentes instruccións á Policía Local e a facer un seguimento do traballo que realicen para comprobar que se corresponde coas súas obrigas e remuneracións.
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Vimianzo