A Asociación BaiOn convirte o "Baio ten a Pelota" no "Baio ten as letras"

A iniciativa comercia que naceu como "Baio ten a Pelota", transfórmase no seu décimo aniversario no "Baio ten as Letras". A recentemente creada BaiOn Asociación quere manter a esencia da proposta engadindo novos contidos culturais para enriquecer a proposta.
Esta transformación responde á vontade de manter vivo un evento que forma parte da identidade de Baio, apostando pola renovación con sentido, sen esquecer o pasado. A décima edición será, así, unha celebración especial que combina tradición e novidade, co obxectivo de seguir facendo medrar a vila a través da cultura, o comercio e a participación social.
Actividades principais
A programación desenvolverase os días venres 9, sábado 10 e domingo 11 de maio e incluirá os elementos que fixeron desta celebración un éxito ano tras ano:
- Descontos de ata o 20 % nas tendas locais participantes
- Ruta gastronómica de tapas nos bares da vila
- Animación nas rúas durante toda a fin de semana
- Moitas actividades infantís orientadas ao público familiar
Feira das Letras: a gran novidade
Entre as novidades desta edición destaca a posta en marcha da "Feira das Letras", que se celebrará na carpa situada na Praza Jorge Mira. Este espazo acollerá:
- Postos de venda de libros e artesanía relacionada coa lectura
- Cinco presentacións de libros a cargo de autores convidados
- Unha exposición fotográfica centrada na memoria visual do Concello
- Obradoiros infantís, como o de creación de marcapáxinas, entre outras propostas
Premios, sorteos e natureza
Como é habitual, todas as compras realizadas nos establecementos adheridos e as consumicións da ruta de tapas permitirán acumular cuños para participar en sorteos de premios económicos ao rematar a campaña.
Ademais, organizarase unha andaina polo "Carreiro do Río", unha ruta de sendeirismo recentemente homologada. Esta actividade require inscrición previa gratuíta e rematará cunha sesión vermú benéfica na propia Praza Jorge Mira.
Un evento organizado por BaiOn Asociación e Concello de Zas
"Baio ten as Letras" está organizado polo Concello de Zas e a recentemente creada BaiOn Asociación, unha nova entidade que xorde tras a disolución da anterior asociación de comerciantes, coa intención de revitalizar e coordinar as iniciativas do tecido comercial local. Presidida por Berta Reymúndez, con Rebeca Facal como secretaria, a nova asociación está aberta á participación de todos os establecementos de Baio que desexen formar parte dun proxecto común orientado a dinamizar a vila e fortalecer o seu papel como referente cultural e comercial na comarca.
Toda a información relativa ao evento pode consultarse nas redes sociais oficiais da BaiOn Asociación e do Concello de Zas.