xoves. 01.05.2025
El tiempo

As manifestacións do 1º de Maio en Muros (1932 e 1933)

As manifestacións do 1º de Maio en Muros
As manifestacións do 1º de Maio en Muros (1932 e 1933)

No ano 1932, con grande fervor republicano, celebrouse en Muros a primeira manifestación conmemorativa do Primeiro de Maio.  A manifestación, que congregou un gran número de persoas,  foi convocada polas sociedades “Traballadores do Mar e Terra de Muros”, “Agrupación de Traballadores e Agricultores de Serres” e “Protección Social Esteirana, de Esteiro”, que coas súas directivas ao fronte, con bandeiras republicanas ao vento e algunha pancarta reivindicativa, percorreron as rúas da Vila con grande animación e orde, entoando cantos e coplas.

A manifestación rematou diante da casa do concello, ao que accedeu unha comisión de manifestantes para entregar ao alcalde Don Isidro García Dubert un escrito que contiña, entre outras, as seguintes peticións:

Creación inmediata da Bolsa de Traballo; cumprir o testado por Dona Ángela González Argís, unificando o seu legado e un depósito de 900 dólares de unha sociedade muradana de Socorros en América do Norte, para con todo elo e o edificio municipal do Hospitalillo poder facer unha fundación benéfica que resolvería moitas necesidades do pobo.

No mesmo escrito recollíase a solicitude de creación de un Cuarto de Socorros con médico permanente a fin de atender a calquera persoa pobre antes de ser levada ao Hospital de Santiago.  Tamén se pedía a instalación de dous urinarios na Vila e dous retretes no muelle e contramuelle, e a construción dun camiño dende Valdexería ao cemiterio de Serres, e o arranxo de dito cemiterio.  O escrito remataba afirmando que as peticións eran xustas e que co seu cumprimento remediaríase en parte, a crise de traballo existente en Muros.

O alcalde, Don Isidro García Dubert e os membros da comisión portadora das peticións saíron ao balcón da Casa Consistorial, dende o cal se dirixiron aos numerosos manifestantes congregados.

O Alcalde, na súa disertación, fixo un gran eloxio da orde coa que se celebrou a manifestación e prometeu estudar as petición feitas e realizalas na medida que o permitiran os presupostos municipais.  Finalmente fixo uso da palabra un xóven orador esteirano, que explicou o que aquel acto significaba,  ao mesmo, que invitou e pediu a cantos do traballo viven a manterse unidos, xa que sen a unión nunca  podería alcanzar as súas reivindicacións o proletariado.

Ao ano seguinte tamén se celebrou a manifestación do Primeiro de Maio.  A prensa de Galicia recolleu a nova de forma despectiva con frases como:  “por elementos de trabajadores de Esteiro, Serres y Muros, se ha organizado una gran manifestación”.  Pese a elo, o certo foi que concentración de persoas manifestándose foi inmensa, superando en moito a calquera outra que se celebrara.  Tamén nesta ocasión, unha representación dos manifestantes entregou ao alcalde do concello, Don Isidro García Dubert, un escrito solicitando diversas obras no concello, entre outras: A continuación das obras de construción do faro na “Punta da Boia”, na entrada a ría de Muros, proxecto que levaba moito tempo aprobado e varias veces paralizadas as obras.

Tamén solicitaron que se sacara a urxente subasta a construción do varadoiro para embarcacións menores e a subasta urxente da ponte do Xallas sobre o río o mesmo nome na estrada de Muros a Corcubión; unha obra de urxente necesidade, pois dábase o caso de que habendo 36 quilómetros de distancia entre Muros e Corcubión, había que recorrer máis de cen para comunicarse.

O escrito recollía  outras peticións, das que o Alcalde tomou nota, manifestando que se terían en conta a medida que os ingresos o consentiran, pois a maioría eran obras, que eran necesarias e permitirían minorar o paro obreiro, agravado en Muros pola crise da industria conserveira e o retorno dos emigrados de América sen traballo.  Unha vez presentadas as súas peticións, disolveuse a manifestación pacificamente. 
 

 

Outros artigos de Manuel Lago Álvarez

Comentarios