Domingo. 28.04.2024
El tiempo

O BNG de Vimianzo presenta o seu equipo

O BNG de Vimianzo presenta o seu equipo

O BNG de Vimianzo veén de presentar nesta pasada fin de semana, ás portas da Casa do Concello, o equipo de persoas que acompañarán a Manuel Antelo "no camiño á alcaldía nas vindeiras eleccións municipais, e que conformarían o goberno municipal", como avisan.

Trátase do actual concelleiro Fernando Mancebo Amigo e a concelleira María Xosé Ramos Rei, a quen seguirán Anselmo Ramos Martínez (un novo emprendedor da parroquia de Salto, propietario dunha importante explotación leiteira), Marta Rei Lema (unha muller da parroquia de Bamiro, comprometida coa cultura como Secretaria do Seminario de Estudos Comarcais, licenciada en Filoloxía Galega e lingüista de diferentes series da TVG como Padre Casares), Xosé Antón Vidal Mira (empresario de Pasarela, secretario da Asociación de Veciños de Pasarela e membro directivo do GDR), e Élida Pequeño Lorenzo (veciña de Vimianzo e traballadora da fábrica de coiros Don Rodrigo-The Spanish Saddlery, así como representante sindical das traballadoras e traballadores).

“Temos o mellor equipo de xente honesta e capaz para gobernar o concello”, di Manuel Antelo; “presentamos xente traballadora, comprometida e con ilusión en protagonizar o cambio político que precisa o noso concello”, engade o candidato a alcalde.

Liñas estratéxicas

Manuel Antelo tamén fixo referencia ás principais liñas que pretende aplicar no goberno municipal, como alcalde de Vimianzo. Neste senso destacan a "defensa da ética política, da transparencia e do sentido de servizo público".

Os nacionalistas de Vimianzo centran os eixes do seu programa na promoción económica do concello, na mellora dos servizos municipais e na promoción de Vimianzo como cabeceira de comarca. “Non estamos dispostos a renunciar a ser capital comarcal, e perder iniciativa e servizos en común”, di Manuel Antelo. Ademais, “o parque empresarial non pode seguir pechado mentres a nosa xente volve outra vez á emigración”, di Manuel Antelo.

Tamén apostan os nacionalistas por mellorar os servizos municipais e estendelos a todas as parroquias.

Críticas ao goberno

“Alejandro e Borbujo deixan un concello derrotado e economicamente estrangulado que os nacionalistas queremos revivir”, di Manuel Antelo. Neste senso destacan que o acordo entre PP e PSOE que lle deu estabilidade a Alejandro Rodríguez como alcalde, foi bo para eles pero malo para o concello. Así destacan, "o amiguismo nas contratacións, a suba abusiva dos impostos, as irregularidades e prexuízos relacionados coa Casa da Cultura, a ameaza do PXOM, a falta de iniciativas vertebradoras do concello, o abandono das parroquias, a nefasta xestión económica"…

Novas relacionadas

Fonte

  • Nota de prensa do BNG de Vimianzo.

Comentarios