O concello inicia o proceso de compra dos terreos lindantes co Castelo de Vimianzo
08:07 25/07/18
Con esta adquisición, o concello quere mellorar a contorna e os accesos á fortaleza
Mediante un procemento de expropiación, o concello de Vimianzo adquirirá as dúas parcelas que lindan co Castelo. O obxectivo desta adquisición é o de mellorar a contorna e os accesos ao monumento e enmárcase dentro dun proxecto para a posta en valor da fortaleza mediante, entre outras accións, a adecuación da contorna.
Con este plan, o concello vimiancés pretende incidir na posta en valor do Castelo de Vimianzo como referente fundamental para o turismo do municipio e, ao mesmo tempo, integrar o monumento na vila procurando que as e os visitantes se acheguen a ela e que a veciñanza dispoña dun espazo público de esparcemento.
O proceso de expropiación é unha prerrogativa pública mediante a cal a administración pode adquirir un ben que cumpra uns determinados requisitos pagando por el un prezo xusto. A ninguén se lle escapa a necesidade de apostar polo Castelo e de recorrer a este método para alcanzar os obxectivos marcados.
O goberno municipal levará ao pleno ordinario que se desenvolverá esta semana unha valoración económica realizada por un taxador independente aínda que as persoas propietarias do ben poderán alegar aqueles aspectos que consideren oportunos. O alcalde, Manuel Antelo, incide na importancia desta adquisición xa que, por unha banda incrementa o patrimonio municipal e por outra porque esta adquisición supón o primeiro paso para a creación dun espazo público na contorna do Castelo de Vimianzo.
Novas relacionadas
Fonte
- Redacción QPC ([email protected])
- Concello de Vimianzo