O goberno de Guinea-Bissau toma nota de desenvolvemento local en Vimianzo


Que somos potencia en materia de Desenvolto Local xa o temos sinalado moitas veces, unha vez que a Costa da Morte é o xérmolo da Afiprodel Galicia, Asociación Finisterrae de Profesionais de Desenvolvemento Local. Ata o punto de que unha delegación do goberno de Guinea Bissau, a través do Fondo Galego de Cooperación, visite a nosa bisbarra para coñecer o traballo que realizamos na materia.
A comitiva do país africano coñecerá do 29 de maio ao 1 de xuño diversas accións de desenvolvemento local e ordenamento do territorio convidado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.
O martes 30 de maio ás 13:30 esta achegarase ao Concello de Vimianzo onde será recibida polo alcalde Manuel Antelo e a Xunta directiva de Afiprodel, asociación de profesionais do desenvolvemento local de Galicia que ten a súa sede neste concello. Neste encontro compartiranse as experiencias e actuacións en desenvolvemento local realizadas no territorio e o traballo que desempeñan os profesionais de desenvolvemento local en Galicia.
A presidenta da entidade Dolores Pena, a secretaria Rosa Sánchez e as vogais Sofia Agrafojo e Maria Jiménez, serán as encargadas de repasar os xa 10 anos que leva a entidade impulsando procesos e accións que melloran a cualificación, cooperación e sinerxías entre este colectivo e as entidades e administracións.
A delegación africana, integrada polo ministro de Administración Territorial de Guinea-Bissau, Sola Naquilin, o director de Servizos de Licenciamento e Incentivos ao Investimento, Micailo Biai; o director xeral do Programa de Gobernación e Desenvolvemento Local de Guiné-Bissau, Mahalam Mane; a asesora técnica principal de dito programa promovido polo Plan de Desenvolvemento de Nacións Unidas (PNUD), Angela Abdula, e mais Iván Arizcurinaga, consultor da mesma iniciativa, que busca promover o bo goberno, a prestación de servizos básicos e o acceso das poboacións máis vulnerables a oportunidades económicas, con enfoque de xénero e tamén por responsables do Programa de Gobernación e Desenvolvemento Local impulsado pola ONU, comprobará o apoio que deputacións e concellos prestan a iniciativas empresariais, tecnolóxicas, urbanísticas e asociativas que buscan o progreso económico e social.
Estas actividades encadranse dentro das Xornadas ‘Os retos da cooperación municipalista na consecución dos ODS’ que o Fondo Galego organiza o 31 de maio Santiago de Compostela. O seminario porá de relevo o papel clave que teñen as administracións locais para acadar os 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, fixados polos estados membros da ONU co fin de erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todas as persoas. O evento contará coa intervención doutras expertas e expertos chegados de Valencia ou do País Vasco, alén do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ou do presidente da Fegamp, Alfredo García.
As liñas estratéxicas do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para a presente lexislatura apostan por acentuar a colaboración cos países lusófonos, especialmente os da África máis empobrecida, onde xa se impulsaron varios proxectos en Mozambique. Entre eles, un de apoio á Axencia de Desenvolvemento Económico Local e ao proceso de descentralización e planificación territorial da provincia de Maputo.
Novas relacionadas
Fonte
- AFIPRODEL.