xoves. 20.11.2025
El tiempo

Inaugurado a novo sendeiro ao muíño de Mareas de Cereixo

VIMIANZO - INAUGURACIÓN CEREIXO 2
Inaugurado a novo sendeiro ao muíño de Mareas de Cereixo

O Concello de Vimianzo vén de inaugurar o novo camiño de acceso ao muíño de Mareas de Cereixo. A alcaldesa, Mónica Rodríguez, o xerente do GALP Costa da Morte, Guillermo González, e a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, participaron nun acto que comezou cun paseo polo viario no que as persoas participantes puideron coñecer a historia e patrimonio de Cereixo, facendo paradas nas que se explicaron
numerosas curiosidades sobre o lugar. Ao final do percorrido, na igrexa de Santiago, tivo lugar a proxección do vídeo "As mulleres e o mar en Cereixo", no que se pon en valor o papel das mulleres historicamente ligadas ao mar nesta parroquia, deixando ver os seus labores e a súa forma de vida.

 

A alcaldesa, Mónica Rodríguez destacou a relevancia dos traballos, “non teño ningunha dúbida de que suman valor a un espazo cun encanto e historia xa de por si única. Recuperamos o acceso, melloramos a seguridade e habilitamos un espazo de encontro que enriquece a experiencia de quen se achega a contemplar a illa do Forno do Sapo” e asegurou que os traballos permiten “ofrecer un percorrido seguro e accesible para todas as persoas que queiran descubrir a nosa riqueza patrimonial”.

Os traballos

A actuación desenvolveuse ao abeiro dunha axuda da consellería do Mar para Estratexias de desenvolvemento local participativo ao GALP Costa da Morte co obxectivo de mellorar a seguridade e accesibilidade na contorna, ademais de potenciar o seu valor turístico e cultural.
Os traballos consistiron na pavimentación do camiño de acceso dende a estrada provincial DP-1603 ata o muíño, que ata o de agora presentaba un estado irregular. A intervención dotou o percorrido dunha superficie única de uso peonil realizada en formigón lavado con áridos naturais e granito gris para a delimitación. Tamén se colocou adoquín en zonas delimitadas de estancia e no entronque coa estrada provincial. Logrouse, así, a súa integración na contorna.

Tamén se instalou novo mobiliario e iluminación axeitada e uniforme ao longo de toda a plataforma. Ademais, acondicionouse unha zona de estancia dende a que se poden contemplar as fermosas vistas á ría e á illa do Forno do Sapo, poñendo en valor a contorna e potenciando a relación de Cereixo co mar.

Comentarios