Guinea-Bissau visita Vimianzo e abre posilidades de intercambios técnicos e económicos



A xuntanza, coordinada por Rosa Sánchez, a ADL local, foi moi dinámica e participativa. A delegación de Guinea-Bissau expuxo as conclusións da súa visita por Galicia e expresou os puntos de interese para a conversa cos profesionais de desenvolvemento local de Afiprodel. O ministro destacou o seu compromiso e confirmación, refrendado coas visitas realizadas en Galicia, de artellar lexislativamente o marco necesario para un sistema competencial axeitado para empoderar o local e facilitar os necesarios procesos de desenvolvemento de abaixo arriba coa participación da cidadanía.
Tamén participou activamente Dolores Pena, a presidenta de Afiprodel, ofrecedo a experiencia desta entidade de profesionais de desenvolvemento local e comentouse o traballo realizado polos concellos da Costa da Morte e a importancia dos e das técnicas no ámbito do local e do desenvolvemento sostible. Rosa Sánchez e María Jiménez expuxeron o labor realizado nos concellos de Vimianzo e Camariñas nos ámbitos de emprendemento, emprego, desenvolvemento e dinamización dos recursos e potencialidades endóxenas de cada territorio. As boas prácticas realizadas en emprego e dinamización do tecido asociativo, sector artesanal e proxectos realizados de xeito conxunto entre diferentes concellos da Costa da Morte coa mocidade, o sector comercio, pesca-marisqueo ou turismo e a importancia da presenza e dinamización do tecido asociativo e empresarial. A intervención de Sofia Agrafojo salientou a labor da Deputación da Coruña na promoción económica e desenvolvemento, as súas liñas estratéxicas e a importancia da colaboración cos concellos e os profesionais destas administracións.
A empresa Cerdeimar de Camariñas ofreceu á delegación unha visión dende o mundo empresarial vinculado aos recursos pesqueiros e marisqueiros no territorio e salientou as potencialidades de Guinea-Bissau neste ámbito e as potencialidades de colaboración. Tamén se falou dos fondos leader e de pesca no territorio e a importancia de artellar estratexias conxuntas como se fai nos GDR e GALP da Costa da Morte.
A delegación invitou aos concellos e Afiprodel a promover programas de intercambio técnicos e económicos entre os territorios que poden ser dende os sectores agrogandeiros, pesca-marisqueo, artesanía, turismo rural e divesificacións económicas baseadas nos potenciais endóxenos dos territorios. A cultura e idioma facilita esta conexión e Guinea-Bissau ten experiencias e oportunidades para compartir e Afiprodel e os concellos da Costa da Morte e de Galicia ten experiencias e capacitación técnica e profesional que son de interese para este país.
- Redacción QPC (info@quepasanacosta.com)
- Concello de Vimianzo