O BNG de Vimianzo pide máis protagonismo do Concello no Parque do Megalitismo

O BNG de Vimianzo denuncia a falta de interese da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, polo proxecto do Parque do Megalitismo da Costa da Morte.
Os nacionalistas lembran que o pasado 22 de abril o Concello de Vimianzo asinou un novo convenio coa Deputación da Coruña polo que esta última financiará a adquisición de varios monumentos megalíticos do concello incluídos na primeira fase de dito proxecto. Ao tempo que a Deputación convocou para o vindeiro 20 de maio en Vimianzo, municipio que ostenta a presidencia rotatoria, aos 12 concellos incluídos na iniciativa para concretar a forma e prazos do proxecto.
O BNG advertiu que se trata da terceira oportunidade que se lle presenta á rexedora municipal. “A primeira foi no 2019, tras anular a compra de 5 dolmens que financiaría integramente a Deputación; e a segunda, tras non iniciar os trámites exixidos polo ente provincial para a adquisición de dolmens do concello no último expediente rematado a mediados do 2024”, manifestou o voceiro nacionalista de Vimianzo, Benxamín Queiro, que subliñou que este último feito “foi fortemente debatido no pleno en marzo de 2024, onde recriminei a falta de interese da rexedora polo Parque do Megalitismo”.
Os nacionalistas instaron ao goberno municipal a poñer todos os esforzos necesarios para que o parque vaia adiante, dado que Vimianzo aportará un total de oito monumentos. “Esta cifra convérteo no municipio que máis restos arqueolóxicos aportará e, polo tanto, o principal concello do futuro parque”, sinalaron.
Benxamín Queiro destacou que “este proxecto atraería un turismo de gran calidade a Vimianzo, pois os monumentos están repartidos en sete parroquias”.