martes. 13.05.2025
El tiempo

O sector turístico pide unha rede de microbuses

Encontro Turismo aptcm Vimianzo
O sector turístico pide unha rede de microbuses

O turismo da Costa da Morte foi o protagonista onte dun encontro colaborativo impulsado polo Polo de Emprendemento de Coristanco e APTCM (Asociación de Profesionais do Turismo da Costa da Morte), que contou coa presenza da directora xeral de Emprego Autónomo da Xunta de Galicia, Marta Mariño, e da alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia.

A xornada, celebrada na Casa da Cultura de Vimianzo, reuniu a unha treintena de persoas vencelladas ao sector turístico: persoas emprendedoras, empresariado, institucións e representantes do tecido asociativo local. A participación activa e diversa foi unha das chaves do éxito do evento, que se deseñou como un espazo de diálogo aberto e construtivo para facer unha diagnose do estado de saúde do sector.

Durante o encontro, que é o primeiro dunha serie de encontros que continuarán no mes de xuño, realizouse un análise sistémico do turismo da Costa da Morte baseado na teoría dos sistemas vivos, co obxectivo de comprender como flúe ou se bloquea o actual ecosistema turístico: que recursos entran, que relacións existen, que regras explícitas ou implícitas condicionan o sistema, cales son os roles que se asumen e que resultados se están a producir.

A análise desenvocou no deseño de varias propostas encamiñadas a atallar os principais bloqueos no sistema actual, como a creación dunha malla de microbuses que conecten de forma frecuente diferentes localidades da Costa da Morte ou o establecemento dun mínimo de vivendas destinados a alugeiro asequible para residentes durante todo o ano.

Nas diferentes mesas de traballo xurdiron con claridade varias cuestións comúns, entre elas a necesidade de unión no sector, a importancia de alinear esforzos entre as distintas entidades que traballan no ámbito turístico e a urxencia de crear espazos estables de colaboración.

Este encontro marca o inicio dun ciclo de reflexión e planificación estratéxica da asociación, que continuará con novas xornadas participativas ao longo do ano para deseñar conxuntamente o futuro do turismo na Costa da Morte

Ademais, APTCM aproveitou esta cita para presentar oficialmente ao novo equipo técnico que acompañará á asociación nesta nova etapa de crecemento. Trátase dun equipo procedente da Asociación Ágora Rural, unha entidade centrada en promover o desenvolvemento rural a través das conexións entre persoas e proxectos cunha perspectiva de territorio.

Comentarios