O proxecto mineiro Isabela II chega ao Parlamento
07:09 25/02/16
Despois de que rematase o periodo de alegacións, o proxecto mineiro Isabela II que ameaza a terreos de Zas, Vimianzo, Coristanco e Santa Comba chega ao Parlamento galego. Fíxoo da man do parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, quen formulou unha pregunta ao conselleiro de Industria, Francisco Conde sobre as previsións da Xunta de Galiza a respecto dos proxectos de minaría e en concreto ao proxecto Isabela II.
O deputado afirmou que “Galiza non é unha mina” e o progreso non pode vir da man dun “modelo esquilmador dos nosos recursos, do noso territorio e da nosa riqueza natural". Jorquera preguntou se ese é o modelo do Goberno, un modelo dixo, que significa “pan para hoxe e fame para maña”, un modelo que destrúe máis postos de traballo dos que crea e onde os beneficios emigran e os custes se internalizan.
Jorquera explicou que a minaría de ouro ten un compoñente especulativo e a súa viabilidade depende da cotización do metal nos mercados internacionais de capitais e por iso son rendíbeis as explotacións que usan métodos agresivos para reducir custes pero cando o mercado mundial do ouro acumule un exceso de oferta, “os prezos caerán, a empresa marchará e na zona ficarán solos estériles, augas contaminadas e unha paisaxe lunar” polo que instou á Xunta a adoptar algunha medida para paralizar os proxectos de megaminaría en Galiza.
Pola súa parte, o conselleiro de Industria asegurou que a megaminaría, “non existe” dende o punto de vista xurídico nin técnico. Sobre o proxecto Isabela II afirmou que “ é un permiso de investigación” que establece a riqueza que temos no noso país o que non significa que o proxecto sexa aprobado para súa explotación, sen embargo, Conde eludiu responder ao nacionalista sobre a paralización do proxecto.
Eólicos
Na réplica, Jorquera respondeu ao conselleiro que “Galiza xa ten ouro, é o noso vento”. Neste sentido, lembrou que unha decisión ilegal recoñecida polo Supremo, "provocou a ruína do sector eólico e nos di a nós que non queremos a industrialización de Galiza, o que non queremos é que traten a Galiza como unha colonia, regalándolla a ENCE ou a empresas de megaminaría”.
"A súa consellería somete a información pública a solicitude de permiso de investigación mineira Isabela II pero os dereitos mineiros poderán denegarse polo incumprimento dos requisitos ou a insuficiente acreditación da solvencia económica ou técnica do solicitante e ningunha das empresas do grupo avala dispor de capital, traxectoria o número de traballadores para executar un proxecto desa envergadura, o mesmiño que pasou en Corcoesto, primeiro unha pequena empresa fai as prospeccións e logo unha multinacional executa o proxecto por iso, hoxe dende o BNG pedímoslle que “recapacite e paralice o proxecto”, recriminoulle Francisco Jorquera.
Novas relacionadas
- Os concellos de Zas e Vimianzo rexeitan o proxecto mineiro Isabela II
- 11-02-2016: Piden máis información sobre o proxecto mineiro de Isabela II a unha semana do peche do prazo de alegacións
- 05-02-17: BNG e AGE piden a paralización do novo proxecto de minería que ameaza a Costa da Morte.
- 27-01-16: 17 organizacións declaran a alerta social en contra das novas concesións mineiras.
- 22-01-16: Isabela II: a nova mina que ameaza terreos de Coristanco, Santa Comba, Vimianzo e Zas.
- Petón do Lobo presenta sinaturas para tratar sobre os dereitos mineiros de Corcoesto no PXOM de Cabana.
- A Xunta determina a perda definitiva dos dereitos mineiros de Corcoesto por parte de Edgewater
- As batatas, as novas inquilinas dos terreos da fallida mina de ouro de Corcoesto.
- Unha reflexión sobre a loita social bergantiñá na documental Tesouro de Corcoesto.
- 07-01-15: A empresa canadense Edgewater perdeu os dereitos mineiros de Corcoesto (e toda a historia).
- Redacción QPC ([email protected])
- BNG